BNG insta a actuación urxente do MITMA na N-540

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama a realización dun proxecto de reparación integral da estrada, de titularidade estatal, para solucionar de maneira definitiva o problema que se agrava todos os anos co mal tempo: “basta de parches”

Moure Montes defende actuar de forma especial no tramo que atravesa a localidade de Chantada, estrada que conecta co polígono industrial do municipio, para atraer novas iniciativas empresariais

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas en que reclama a mellora do firme da N-540 que conecta Lugo e Ourense, após o seu empeoramento por mor do temporal que recentemente padeceu a Galiza. A frente nacionalista reclama a intervención do Ministerio de Transportes para a reparación integral do asfalto e solucionar os problemas de seguranza viaria, sobre todo no termo municipal de Chantada, permitir un acceso adecuado ao polígono industrial do concello que favoreza a instalación de novas iniciativas empresariais.

A estrada de titularidade estatal que representa a principal alternativa para ir de Lugo a Ourense, a N-540, leva décadas en mal estado e sen contar co adecuado mantemento. O temporal que recentemente padeceu a Galiza agravou a situación e engadiu novas fochancas que aumentan o risco de sufrir un accidente e pon en risco e vida das persoas usuarias da vía. De facto, a Garda Civil, nos últimos anos, ten levantado numerosas actas polas avarías e danos que se produciron en centenares de automóbiles.

“A pesar das continuas denuncias e queixas por parte de colectivos, autoridades locais, das persoas usuarias e por parte do propio BNG, o Ministerio de Transporte segue sen levar a cabo algún tipo de actuación que poña fin ao mal estado do firme” denuncia o deputado do BNG. Para Rego, a grave situación merece da intervención urxente do Goberno do Estado a través dunha “reparación integral do firme estabelecendo un calendario urxente e comezar coas obras antes do posíbel”.

A frente nacionalista lembra que a N-540 constitúe a única vía de comunicación directa entre as cidades de Ourense e Lugo e, a día de hoxe, non existen alternativas de transporte ao vehículo privado “xa que non existe unha conexión ferroviaria factíbel  entre ambas cidades”.

Ademais de demandar a actuación estrutural da N-540, a organización nacionalista destaca a necesidade de realizar unha actuación específica no termo municipal de Chantada. O responsábel local do BNG no Concello, Manuel Moure Montes, urxe a actuación nesta estrada até o polígono industrial de Chantada polo seu elevado número de fochancas. “De non actuar, estarase prexudicando gravemente á localidade de Chantada e a posibilidade de que novas iniciativas empresariais se asenten no concello e creen máis emprego” recrimina Moure.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG