BNG insiste en que Tomé debe deixar todos os seus cargos

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón denuncia a dobre vara de medir dun PP que amparou un conselleiro denunciado por agresión sexual e que ameaza con deixar sen protección as vítimas de violencia machista por facer a súa “política cutre”

Incide na importancia de acompañar as mulleres denunciantes e recorda que nunca é fácil denunciar, menos cando a persoa denunciada ten poder

A portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou en Santiago que o até hoxe presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, debe “deixar todas as súas responsabilidades”, a única decisión posible “desde un punto de vista ético e moral”, logo das acusacións por acoso sexual coñecidas nos últimos días.

“Isto implica deixar as actas e cremos que é o que debería facer no día de hoxe e é ao que o invitamos e o que exiximos desde o BNG”, afirmou a preguntas dos medios nunha rolda de prensa na que chamou á mobilización masiva na manifestación convocada para o domingo en contra de Altri.

A líder nacionalista insistiu en que, aínda que as actas non son das organizacións políticas, senón das persoas, Tomé debe renunciar non só á presidencia da Deputación, senón á súa responsabilidade como deputado provincial “por ética e por respecto” á institución e “ao que debería ser a política”.

En  todo caso incidiu en que é o Partido Socialista o que ten que resolver un problema que non ten nada que ver co Bloque, xa que afecta a unha persoa que pertencía á dirección socialista.  “O BNG o que dixo desde o primeiro momento e o que di no día de hoxe é que non iamos estar nun goberno no que participara Tomé, esa é a decisión e a posición que temos e é onde seguimos”, remarcou.

A portavoz nacional reafirmou o apoio da organización nacionalista ás mulleres vítimas de violencia machista e reiterou a importancia de acompañar ás que se atreven a dar o paso de denunciar, unha decisión que non é fácil tomar, “moito menos cando a quen estás denunciando é unha persoa que ten poder”, advertiu. “Hai que acompañar ás mulleres que denuncian, sexa cal sexa a organización política á que pertenzan esas persoas”, sintetizou.

Pontón mostrou así a súa preocupación ante “a dobre vara de medir” que ten un PP que amparou un conselleiro denunciado por agresión sexual e que na vez de situarse a carón da vítima, “o que fixo foi despedilo entre aplausos como se fora un heroe”, enviando ás mulleres “unha mensaxe terrible”.

Unha actitude que considerou xusto a contraria da que se debería adoptar en calquera caso destas características e que lamentou “se puidera estender a outro tipo de organizacións”. “No BNG imos a ser sempre unha organización que estea do lado das vítimas, do lado das mulleres que denuncian, acompañándoas en todo o proceso e deixando claro que a prioridade debe ser estar ao seu carón”, confrontou.

A líder nacionalista tamén criticou ao Partido Popular que mesmo chegue a utilizar as vítimas “para facer a súa política cutre” como se acaba de ver estes días, co propio presidente da Xunta ameazando con “deixar ás mulleres vítimas de violencia de xénero sen protección policial para presionar o Goberno central”. “Unha mezquindade e unha forma de actuar que non podemos tolerar cando estamos falando de algo tan grave como é a violencia machista”, resumiu.

Preguntada polo posible coñecemento previo no PSdeG dos feitos denunciados, Pontón indicou que esa é unha cuestión que debe aclarar o propio PSdeG e os seus dirixentes ante unhas acusacións desas características que de confirmarse serían moi graves, dado que, cando unha muller denuncia unha situación de acoso sexual, “o que hai que facer é acompañala e investigar até o final”, reiterou. “Descoñezo cal é a realidade desta cuestión e creo que, en todo caso, corresponde a esas persoas clarificar o seu papel en todo este proceso”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG