O BNG inicia o novo curso político impulsando iniciativas para superar a crise social, económica e sanitaria

ANA PONTÓN - executiva agosto2021
Ana Pontón

 

Ana Pontón anuncia un “período de reflexión persoal” para analizar o seu papel no BNG ante a XVII Asamblea

Ante o inicio do curso político, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anuncia que o BNG centrará o seu traballo político no impulso de iniciativas para superar a crise social, económica e sanitaria.

Tras a celebración da primeira Executiva Nacional logo do período estival, Pontón destacou  as consecuencias  sanitarias da pandemia e criticou que  despois de 17 meses o Goberno galego continúe instalado na “improvisación, as mentiras e tropezando sempre na mesma pedra” que evidenciaron a “incapacidade e graves erros de xestión” por parte do Executivo de Feixóo.

“Sempre é motivo de preocupación un goberno que improvisa -dixo- pero esta improvisación é “unha temeridade no medio dunha pandemia. Resulta urxente reforzar  a Atención Primaria  ao borde do colapso, ademais de priorizar os labores de rastrexo”.

Nese sentido, insistiu en que o BNG seguirá defendendo o sistema sanitario público e recalcou a urxencia de “rectificar 12 anos de recortes e maltrato ao persoal da sanidade pública”. Nesta liña, tamén engadiu que o modelo privatizado das residencias debe dar “un xiro de 180º” para revertelo nun servizo público.

Reconstrución económica

Para a líder do BNG, “Galiza debe recibir até o último euro” que lle corresponde e os fondos deben ser usados para unha nova estratexia económica baseada  nunha  economía verde, na ciencia e na igualdade de xénero. Segundo recalcou, os servizos públicos deben ser reforzados e os recursos non deben ser utilizados para “engrosar” as ganancias das grandes multinacionais. As beneficiarias deben ser as pequenas e medianas empresas e as persoas autónomas.

“Até o momento, Feixóo non está traballando para conseguir eses recursos, está poñendo Galiza ao servizo da estratexia de Pablo Casado, cunha confrontación estéril e pensando que canto peor para Galiza mellor para PP”, subliñou.

Neste contexto, avanzou que o BNG levará ao Parlamento galego propostas para conseguir 12.600 M€ co fin de activar economicamente Galiza e impedir que unha nova xeración de mozos e mozas teñan que emigrar.

Un novo modelo de financiamento autonómico para saír da crise

O actual modelo de financiamento leva caducado desde 2014 e o Goberno do PP na Xunta non moveu un dedo para cambiar un modelo prexudicial para Galiza, un sistema de financiamento opaco, caduco e centralista que non ten en conta a nosa realidade”, asegurou.

Neste sentido, recordou que Galiza aporta cada ano máis ao Estado do que recibe e subliñou que na última liquidación tributaria dispoñíbel, a de 2018, o Estado recadou na Galiza 13.132 millóns de euros. “A cambio, ese ano recibimos do estado 8.158 millóns de euros. É dicir, Galiza aportou 4.863 millóns de euros ao Estado e  coa negociación de Feixóo, Galiza perdeu máis de 9.000 millóns de euros nunha década”, indicou para concluír que “a chave dos nosos cartos está en Madrid, non aquí”.

Por esta razón, avanzou que o BNG proporá crear unha comisión parlamentaria para estudar un novo modelo de financiamento, así como abrir unha comisión bilateral co Estado.

Pontón abre un período de reflexión persoal sobre o seu papel ante a XVII Asemblea

“O curso político que se inicia coincide coa celebración da XVII Asemblea Nacional ,o vindeiro 7 de novembro, e as circunstancias -indicou Pontón- son diferentes as das dúas anteriores asembleas,  a XV en 2016 e a XVI Asemblea en marzo de 2017”.

Para a portavoz nacional, a vindeira Asemblea remata co ciclo político do BNG, que vai dende 2016 até hoxe, “ciclo que evolucionou da resistencia, a reorganización e a consolidación para rematar co despegue”.

“Hoxe temos, seguramente, o BNG máis forte da súa historia; temos unha organización que medra, incorporando a moita xente nova, con importante presenza municipal, con gobernos que son referencia de transformación e do potencial que ten Galiza cando confiamos en nós”, asegurou, para engadir que estamos ante “un BNG que incrementou o seu peso no Parlamento Europeo, recuperou presenza no Congreso e que se sitúa como a alternativa real ao PP, ao colocarnos a cidadanía galega como segunda forza no Parlamento de Galiza”.

Neste contexto, asegurou que “non podemos caer nin no conformismo, nin na  rutina” e explicou que na anterior Asemblea Nacional a formación nacionalista respondeu aos retos que a situación demandaba. “Hoxe o BNG está ante outra situación: seguir fortalecendo a organización e ensanchar a nosa base para incrementar peso e voto nas eleccións municipais e ao Parlamento Español”, recalcou.

Pontón sinalou como outro dos retos sentar unhas bases sólidas para enfrontar con garantías de éxito un obxectivo de primeira magnitude como é “prepararnos para presidir a Xunta de Galiza”. “E esa circunstancia merece unha reflexión colectiva de calado dentro do BNG para acertar e seguir gañando a confianza de máis galegas e galegos”, asegurou, para engadir que, ademais desta reflexión colectiva, “para min, a nivel  persoal é un momento de reflexión sobre cal ten que ser o meu papel neste novo ciclo, que require todo o esforzo, toda a intelixencia e toda a dedicación para estar á altura de Galiza”.

“Son unha persoa que penso que na vida non hai que dar nunca nada por feito, nin por sentado e que os logros, as ilusións e as conquistas hai que traballalas dia a día”, indicou para engadir que as decisións hai que tomalas con valentía, pero despois de sopesar moi ben os pros e os contras: con rigor, con seriedade, e despois de tomadas as decisións, traballar sen dúbidas nin desánimos para acadar os obxectivos”.

Pontón explicou que hai 5 anos “tomei moito tempo para pensar si debía aceptar ser portavoz nacional; non era unha decisión fácil e sopesei moito dar ese paso.

Ao final optei por aceptar e tentei exercer a portavocía nacional con todas as miñas enerxías, con todas as miñas capacidades e con toda a miña ilusión”.

“Agora tamén necesito tomar un tempo de reflexión sobre cal debe ser o meu papel. O maior elemento desta reflexión é que estamos nunhas circunstancias nas que cambiou radicalmente a situación política do BNG; hoxe hai unha nova situación, uns retos novos e diferentes aos que existían hai 5 anos, e teño que valorar si me sinto a persoa axeitada para esta nova situación”, relatou.

A portavoz nacional afirmou que necesita “este período de reflexión persoal que terá como punto de partida a visión que teño da política e o lugar onde sexamos máis útiles para Galiza e para o BNG”.

“Son unha persoa a que lle gusta pensar ben as cousas e non tomar ningunha decisión á lixeira -afondou- estamos nun momento no que o BNG está forte e o importante é o proxecto colectivo e acertar nas decisións que entre todas e todos adoptemos. En función do que valore como mellor para este proxecto colectivo, tomarei a miña decisión”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG