O BNG impulsa unha lei para lograr unha tarifa eléctrica que salve o emprego en Alcoa

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón insta a Xunta e Goberno central “a poñerse as pilas” para garantir o futuro da fábrica. “Se Feixóo segue botando balóns fora, pechará”

ALCOA, Meirama, Ferroatlántica e 8.500 empregos destruídos na industria só en 2018 dan conta da situación de emerxencia neste sector, nun país exportador neto de enerxía pero no que esta riqueza non redunda nun beneficio para Galiza.

Para mudar esta situación, o BNG impulsa no vindeiro pleno do Parlamento unha proposición de lei para conseguir un marco enerxético propio, con dous elementos clave: unha tarifa específica e estable para as empresas electrointensivas e unha tarifa eléctrica galega para reducir un 15% a factura da luz para as PEMES e as familias.

“Non podemos ter nin un só emprego en risco polo custe da electricidade”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “se Euskadi pode ter unha tarifa que lle permite aforrar 50 M€ anuais as súas empresas, por que en Galiza o PP veta esa opción?”, interpelou a líder do BNG quen confía en que “Feixóo apoie esta proposición de lei agora que o PP xa non ocupa a Moncloa porque é beneficiosa para crear emprego e acabar coa pobreza enerxética”.

Esa tarifa específica para electrointensivas “non pode ser un cheque en branco, senón que debe estar ligada a un plan de investimentos e de creación de emprego por parte das empresas”, explicou, ao tempo que pregunta á Xunta e ao Goberno do Estado “que van facer para salvar ALCOA” despois dun acordo que só apraza os despedimentos e o peche da factoría até xuño.

“Seguir coa política da avestruz ou de botar balóns fora é o mesmo que comprar todos os boletos para acabar por pechar unha fábrica e poñer en risco un sector estratéxico como a produción de aluminio na área metropolitana da Coruña”, denunciou, “por iso, Xunta e Goberno central teñen que poñerse as pilas para buscar unha alternativa a ALCOA porque é obvio que o único que quere a multinacional e deslocalizar pese a ter o descaro de recoñecer que é rendible e que hai un déficit de produción de aluminio”.

“Non valen máis escusas porque non podemos seguir vendo como se desmantelan industrias e se perde emprego nun país como Galiza, exportador neto de enerxía, que debe aspirar a non vivir só do sector servizos”, concluíu. A proposición de lei do Bloque será debatida no pleno do próximo martes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG