BNG impulsa o cumprimento da Axenda Galega

Reunión BNG e PSOE
Reunión BNG e PSOE

Axilizar o traspaso da AP-9, crear tres novos xulgados de violencia de xénero, abrir o proceso de novas transferencias á Galiza e resolver o problema dos emigrantes retornados, entre as medidas que deberán ser implementadas no curto prazo

A organización nacionalista anuncia que estará “atenta, vixiante e insistente” para que o PSOE cumpra todos os puntos do acordo de investidura nos menos de dous anos que quedan de lexislatura

Nesta cuarta feira reuníronse en Madrid delegacións do Bloque Nacionalista Galego e do Partido socialista no marco da Comisión de seguimento do Acordo de investidura para avaliar o grao cumprimento e os pasos a dar para impulsar o cumprimento da Axenda Galega. A organización nacionalista logra compromisos de desenvolver no curto prazo aspectos importantes como a creación de tres xulgados para a loita contra a violencia machista, abrir o proceso de transferencia de novas competencias a Galiza, axilizar a tramitación da lei para o traspaso da autoestrada da AP-9 e resolver a inxusta situación que atravesan centenas de millares de emigrantes retornados no noso país. A xuízo da delegación nacionalista, un resultado “prudentemente satisfactorio” mais avanzan que estarán “atentos, vixiantes e insistentes” para que o PSOE cumpra todos os puntos do acordo de investidura.

Na reunión participaron os membros da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín, Rubén Cela e o deputado no Congreso, Néstor Rego. Por parte socialista, o seu portavoz no Congreso, Héctor Gómez e as membros da dirección do grupo, Rafi Crespín e Isaura Leal. Durante a xuntanza, ambas organizacións avaliaron o cumprimento do Acordo de investidura que, a xuízo do BNG é baixo- e as decisións necesarias para impulsar o avance das medidas nel previstas.

O resultado do encontro, para a organización nacionalista, foi “prudentemente satisfactorio”. Segundo Néstor Rego, falamos de satisfacción prudente porque apreciamos unha mudanza de actitude por parte do Partido Socialista, que recoñeceu que fican moitos asuntos pendentes e expresou a vontade de acometelos nesta lexislatura”. Con todo,  incumprimentos anteriores sempre “xeran un certo grao de escepticismo, polo que estaremos vixiantes e insistentes para que o PSOE cumpra aquilo a que se comprometeu”, sinala o deputado do BNG no Congreso.

Entre os acordos alcanzados está o de que o goberno español emprace o goberno galego a reunir a Comisión Mixta de Transferencias e manifeste a disposición a “transferir todas as competencias pendentes, en contraposición aos 13 anos do Goberno de Feixóo en que non houbo nin unha soa competencia transferida”. A xuízo da organización nacionalista, isto coloca a pelota no tellado da Xunta de Galiza e do Partido Popular nun momento chave posto que “agora Galiza ten outro Presidente.”

De maneira especial, o PSOE asume que é preciso desbloquear e axilizar a tramitación parlamentar da transferencia da AP-9 que na actualidade aínda segue sen reunirse a ponencia. “Existe un compromiso para que, de maneira inmediata, se retomen os traballos para a transferencia da AP-9” destaca Rego despois de lembrar que a Proposición de Lei foi aprobada de maneira unánime no Parlamento de Galiza e que a súa toma en consideración no Congreso foi hai máis dun ano.

Así mesmo, o BNG alcanza o compromiso de pór fin “coa discriminación fiscal que sofren os emigrantes retornados do Estado español, tendo en conta que máis da metade son galegos e galegas”. Rego lembrou que esta semana foi debatida unha Proposición Non de Lei- presentada pola organización nacionalista- no pleno da cámara baixa e espera que mañá, xoves, sexa aprobada cos votos favorábeis do PSOE. “Cremos que este é un paso importante que permitiría rematar cos problemas da dobre imposición e coas dificultades para a homologación dos certificados de discapacidade doutros países, especialmente cos países da Unión Europea” destaca Néstor Rego, que sinala que agora “falta darlle forza normativa”.

En terceiro lugar, o deputado do BNG no Congreso destacou o compromiso do Ministerio de Xustiza de cumprir co estabelecido no acordo de investidura no que ten a ver coa creación de tres xulgados de violencia de xénero en Lugo, Ourense e Santiago. “Para nós, a loita contra a violencia de xénero é prioritaria nas nosas políticas; sabemos que existe un amplo acordo entre as forzas políticas en avanzar nesta loita mais entendemos que para alén de boas intencións teñen que existir os medios para facelo” explica. Este trámite ten que contar co acordo da Xunta de Galiza que, lamentabelmente, “até agora non manifestou especial interese apesar da demanda do sector e das corporacións desa cidades”.

Máis alá destes elementos que se levarán a cabo máis a curto prazo, ambas organizacións abordaron todos os aspectos recollidos no acordo en materia de infraestruturas e políticas sociais. “Queremos conseguir que se produzan avances de maneira rápida. Cremos que existe unha base contundente para verificar, no que queda de lexislatura, que o acordo se cumpre” destaca Rego.

“O BNG cumpriu a súa parte do acordo, que era votar a favor na investidura de Pedro Sánchez. Agora tócalle ao PSOE cumprir a súa parte. Estaremos atentos, vixiantes e insistentes para que se cumpra en tempo e forma no tempo que queda de lexislatura” conclúe o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG