parlamento galego

BNG impulsa o acordo no Parlamento para crear a Autoridade Portuaria de San Cibrao e liberalizar o dique norte do porto

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro recalca a importancia da posta en marcha destas medidas para a dinamización económica e social da comarca da Mariña  

BNG acadou a unanimidade no Parlamento galego para instar á Xunta a demandar do Estado a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao, segregándoa da de Ferrol-San Cibrao, e a proceder a unha redistribución dos ingresos obtidos a través do porto mariñán para que revertan na costa luguesa, mentres non se cree a autoridade portuaria propia. De igual xeito, o deputado Daniel Castro tamén conseguiu o respaldo do resto de forzas políticas da Cámara para que o Executivo galego inicie as negociacións oportunas para liberalizar e abrir ao tráfico comercial o dique norte do porto de Alcoa en San Cibrao.

Na defensa dunha proposición non de lei ante a comisión parlamentaria de Pesca, o deputado nacionalista pola Mariña lembrou que a de Lugo segue sendo a única provincia do Estado con litoral que carece de Autoridade Portuaria propia, “cando A Mariña é un territorio cuns niveis de movemento comercial e económico elevados ao contar con importantes portos como o de Burela e Celeiro e, por suposto, co de Alcoa”. Neste sentido, advertiu de que a actual Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao “non inverte no total da provincia de Lugo nin o 5% do recadado soamente na Mariña”, o que considerou que “non é nin xusto nin equitativo” e que, ademais, non responde a ningunha xustificación.

A esta cuestión, Castro engadiu a situación do dique norte de San Cibrao, ao que se referiu como “o gran esquecido ano tras ano polos gobernos galego e español”, a pesar de estar no porto de maior calado da Mariña e “a pesar de que a súa posta en funcionamento significaría habilitar un peirao de atraque de 240 metros de lonxitude de atraque para buques de 22 metros de eslora, 11,5 metros de calado e uns 50.000 metros cadrados de explanada portuaria, sendo ademais compatible co uso que Alcoa fai do dique sur”. Así, aludiu ao Informe de viabilidade da apertura do Dique Norte San Cibrao-Morás ao tráfico comercial, elaborado por Portos de Galiza xa en 2010 e no que se confirmaba a viabilidade operativa, construtiva, económica e de tráficos nun período de tempo moi curto.

O deputado do BNG concluíu recalcando a importancia de que estas medidas se poñan en marcha, “mais se cabe logo da pandemia e ante a grave crise industrial que sofre a comarca, coa supervivencia de Alcoa en xogo”, e recalcou que tanto a creación da nova Autoridade Portuaria como a liberalización do dique norte contribuirían a “unha indubidable dinamización socioeconómica”, co achegamento de máis empresas polo movemento dun maior número de mercadorías, a creación de máis postos de traballo e, en consecuencia, o afincamento de máis persoas nos concellos da comarca.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG