BNG impulsa o acordo do Parlamento para dotar ao Courel de telefonía fixa e Internet de calidade a un prezo asumible

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira cualifica de “necesidade imperiosa” garantir a conectividade do concello para aproveitar o seu potencial turístico e fixar poboación     

A deputada do BNG Carme Aira impulsou o acordo do Parlamento galego para que a Xunta manteña un papel proactivo solicitando ao Goberno estatal, de conformidade cos obxectivos da UE, medidas para que as vivendas do rural galego, incluídas as do Courel, sexan dotadas dun servizo de telefonía fixa e Internet de calidade. A iniciativa nacionalista recolle tamén que este servizo sexa facilitado a un prezo asumible para garantir a igualdade na accesibilidade no rural.   

Na defensa da súa iniciativa ante a comisión parlamentaria de Industria, Aira advertiu das graves deficiencias de cobertura no concello de Folgoso do Courel, situación á que, segundo recalcou, “non parece beneficiar en nada a retirada do cable de cobre e o peche da estación no Courel por parte da compañía Movistar -coa autorización da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia-, xunto coa estratexia de levar a fibra soamente a dous núcleos, os de Seoane e Folgoso, deixando o resto de lugares do municipio sen opción dunha boa conectividade no relativo a móbil e Internet”.

Logo de indicar que as persoas que viven fóra destes dous núcleos de poboación xa prescindiron en moitos casos de telefonía fixa “porque a tecnoloxía telefónica por radio non satisfai as necesidades da poboación e tampouco serve para a conexión a Internet” e que a conexión a Internet por transferencia de datos móbiles é igualmente insuficiente, a deputada nacionalista subliñou que a substitución por parte de Movistar do cable de cobre por fibra non chega a todo o territorio, polo que, concretamente no rural e tal e como acontece no Courel, supón na práctica substituír en termos xerais “un mal servizo por un novo mal servizo”.

“Mentres nas cidades instalan fibra seis ou sete empresas de xeito simultáneo e polos mesmos cauces, multiplicando por sete os metros de fibra, no rural escatímase a súa instalación para o que parece facerlle o traballo cómodo e rendible a Movistar, que exerce o seu papel hexemónico nas comunicacións no rural”, incidiu, para cuestionar a continuación que unha estratexia que compila numerosas inversións con fondos europeos que van destinados a unha dixitalización global do territorio europeo “supoña, como sucede no Courel, unha perda de servizos”.   

Logo de apelar á responsabilidade da Xunta á hora de velar pola correcta dixitalización do territorio galego, a deputada do BNG recordou que a conectividade do Courel é unha “necesidade imperiosa” para un concello que padece unha importante perda de poboación pola falta de servizos e de políticas eficientes para revitalizar o rural, pero que conta cunha potencialidade turística que é imprescindible aproveitar precisamente para recuperar e fixar poboación.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG