BNG forzará unha votación no Congreso para reverter o incremento do gasto militar e priorizar o investimento social

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego Candamil defenderá unha iniciativa para destinar os recursos públicos a servizos públicos, políticas sociais e sectores estratéxicos fronte á “escalada belicista” impulsada pola OTAN e a UE

“Hai que escoller, e o BNG escolle a protección social, os servizos públicos, o emprego, a vivenda e o desenvolvemento económico frente ás armas e ao militarismo” di Rego

O deputado do BNG no Congreso forzará unha votación sobre a necesidade de reverter o incremento do gasto militar impulsado polo Goberno español nos últimos anos e destinar eses recursos a políticas sociais, reforzo dos servizos públicos e investimentos prioritarios para a maioría social.

A formación nacionalista pretende situar no centro do debate político “a disxuntiva entre continuar alimentando a corrida armamentística ou apostar por protexer os dereitos sociais e o desenvolvemento económico: hai que escoller”. Os recursos públicos, defende o deputado do BNG, deben servir para mellorar a vida da xente, “non para financiar a escalada belicista”.

A iniciativa do BNG insta o Goberno a reverter todas as decisións adoptadas nos últimos dous anos que implicaron incremento do gasto militar e a renunciar a novas ampliacións orzamentarias en defensa. O obxectivo, subliña o deputado nacionalista, é destinar os recursos públicos dispoñíbeis “a políticas sociais, ao reforzo dos servizos públicos e aos investimentos públicos necesarios”, nun momento marcado pola crise económica, o aumento do custo da vida e as dificultades de acceso á vivenda.

Para o BNG, o incremento continuado do gasto militar “hipoteca o futuro” e acabará derivando inevitablemente en recortes sociais e limitacións do investimento público en ámbitos esenciais como a sanidade, a educación, a atención á dependencia ou as políticas de emprego.

O BNG rexeita os recortes na PAC e na pesca para financiar armamento

Outro dos puntos centrais da iniciativa é o rexeitamento aos recortes previstos pola Unión Europea no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 para financiar o programa REARM EUROPA. No concreto, o BNG alerta das consecuencias dunha redución superior a 20% na Política Agraria Común (PAC) e de máis de 60% nos fondos destinados á pesca, dous sectores considerados “estratéxicos e fundamentais para a economía galega”.

A formación nacionalista denuncia que a Unión Europea “pretende desviar recursos destinados ao desenvolvemento económico e ao apoio dos sectores produtivos cara ao gasto militar e á compra de armamento”.

Apostar pola paz, o diálogo e a negociación

A proposta que defenderá Néstor Rego tamén reclama unha mudanza profunda na política exterior e de defensa do Estado español. Neste sentido, o texto rexeita “as guerras e agresións imperialistas” e reclama apostar pola vía do diálogo e a negociación para a resolución dos conflitos internacionais.

O BNG considera necesario “traballar por un novo contexto internacional baseado na cooperación, a estabilidade e as relacións de boa veciñanza entre os pobos”, frente á actual dinámica de confrontación e escalada militar.

Fin á presenza militar dos EUA no Estado español e saída da OTAN

A iniciativa nacionalista inclúe tamén a reclamación de denunciar os acordos que permiten o uso das bases militares de Morón e Rota polo exército dos Estados Unidos. O BNG demanda prohibir a presenza militar norteamericana no Estado español ao considerar que estas instalacións “converten o territorio en peza das estratexias militares dos EUA e da OTAN”.

Por último, a proposta do BNG aposta por que o Estado español renuncie á súa participación na OTAN e abandone a alianza militar atlántica, reclamando igualmente a súa disolución. Para o BNG, a OTAN “é un instrumento ao servizo dos intereses xeopolíticos e militares dos Estados Unidos” que contribúe á escalada armamentística e á desestabilización internacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG