BNG expresa a solidariedade co Pobo colombiano e rexeita a violencia contra os manifestantes

A Executiva do Bloque denuncia a grave represión e pide o cese da militarización en Colombia
BNG expresa a solidariedade co Pobo colombiano e rexeita a violencia contra os manifestantes

A Executiva Nacional do BNG traslada ao Pobo colombiano a solidariedade do Bloque Nacionalista Galego nunha situación tan complicada como a que se está vivindo actualmente froito da represión exercida polo Estado colombiano contra a cidadanía. “Expresamos a nosa total solidariedade co Pobo colombiano e rexeitamos a violencia exercida contra os manifestantes que desde o 28 de abril saíron ás rúas de xeito pacífico”, salientan desde a Executiva do Bloque.

Entre o 28 de abril e o de maio saíron á rúa en máis de 500 concellos de Colombia en resposta a un paro nacional convocado contra o Goberno de Iván Duque, así como a xestión da pandemia, a falla de implementación dos Acordos de Paz e os ataques e asasinatos a líderes sociais que reclaman un cambio na política que protexa os dereitos dos grupos máis vulnerables do país. Estas manifestacións pacíficas foron brutalmente reprimidas polo Estado colombiano producíndose 21 asasinatos; 208 casos de persoas feridas; 503 detencións, que na súa maioría son arbitrarias; 10 casos de violencia machista, incluída unha violación; e 42 agresións a defensoras e defensores de dereitos humanos e a xornalistas.

De todos os defensores e defensoras de Dereitos Humanos no mundo, o 53% foi asasinado en Colombia, situación que se viu agravada nas zonas rurais con ataques a comunidades indíxenas, líderes sociais, políticos, defensores de dereitos humanos e xornalistas por grupos armados ilegais.

Carta dirixida ao Alto Representante de Política Exterior da UE

En protesta diante desta situación, a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque Ana Miranda asinou onte unha carta dirixida ao Alto Representante de Política Exterior da UE Josep Borrell, conxuntamente con eurodeputados e eurodeputadas do grupo da esquerda do Parlamento Europeo. No documento piden a depuración de responsabilidades e o cese da violencia contra os manifestantes, tal como reclama a Resolución do Parlamento Europeo sobre as violacións de dereitos humanos en Colombia aprobada a semana pasada. O BNG trasladaralle hoxe mesmo a preocupación sobre esta situación ao líder de Colombia Humana Gustavo Petro.

 

BNG expresa a solidariedade co Pobo colombiano e rexeita a violencia contra os manifestantes