xerais 2023

BNG exixirá que se derrogue de verdade a reforma laboral do PP que PSOE e Sumar manteñen

Francisco Jorquera, Néstor Rego e Iria Taibo
Francisco Jorquera, Néstor Rego e Iria Taibo

Néstor Rego asegura que recuperar dereitos sociais e laborais será prioridade da súa acción no Congreso.

O BNG pedirá explicacións pola violencia policial contra as mobilizacións pacíficas dos traballadores e traballadoras do sector do metal de Pontevedra.

Considera "inxusto" que se condene ás persoas menores de 50 anos a un sistema de pensións peor que o actual

Co obxectivo claro de non dar un paso atrás nos dereitos laborais e sociais, o portavoz e candidato do BNG pola Coruña, Néstor Rego, afirmou nun acto con representantes do mundo do traballo na Coruña que é urxente "unha reforma laboral que derrogue de verdade a do PP". Destacou que o recorte de dereitos promovido polo goberno do PSOE-Unidas Podemos quedou en evidencia cando "o PP nos seus máximos dirixentes manifestaron que manterían a reforma de Sánchez e Yolanda Díaz se chegan a gobernar". Tamén se comprometeu a seguir reclamando a derrogación da Lei Mordaza e condenou a violencia policial contra as mobilizacións pacíficas dos traballadores e traballadoras do metal en Vigo.

"Urxe derrogar de verdade a reforma laboral do PP porque o goberno de PSOE-Unidas Podemos, agora Sumar, deixou sen tocar os elementos máis lesivos e, así, é igual de barato despedir agora que co PP", destacou Néstor Rego na súa intervención diante de delegados e delegadas sindicais na Coruña nunha intervención na que denunciou o "incumprimento do goberno" e o compromiso do BNG de "esixir que se recuperen os dereitos laborais e unhas condicións dignas de xubilación e pensións".

Non só, lembrou, se mantiveron os recortes do PP senón que, apuntou, se introduciron outros novos como o aumento da idade de cómputo para a xubilación até 29 anos o que fai "que as persoas que teñan hoxe menos de 50 anos terán pensións máis baixas que as que se cobran na actualidade, o que é claramente inxustos".

Encontro sindical
Encontro sindical

Afirmou así Néstor Rego que o BNG "insistirá na recuperación dos dereitos, en baixar a idade de xubilación até os 65 anos e o período de cómputo a 15, ademais de favorecer a xubilación anticipada fronte quen defende que teñamos que traballar até máis alá dos setenta anos cando, despois dunha vida de traballo é un dereito de calidade de vida básica poder gozar dun tempo de xubilación".

Así mesmo, o Deputado do BNG anunciou que pedirá explicacións ao Goberno sobre a violenta e represiva actuación policial durante as mobilizacións pacíficas dos traballadores e traballadoras do sector do metal de Pontevedra. Lembrou que fica aínda pendente, a pesar das promesa electorais do PSOE e de UP, a derrogación da Lei Mordaza, e que o BNG seguirá a traballar na próxima lexislatura para lograr ese obxectivo, e que se eliminen, especialmente, os artigos que favorecen os abusos por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Políticas transformadoras en defensa dos intereses galegos

Neste sentido, Néstor Rego lamentou que Galiza estea na cola das retribucións por pensións do Estado e avogou por "poñer fin dunha vez a esta discriminación histórica á que só lle fai fronte o BNG, fronte á indiferenza dos partidos con sede central en Madrid aos que tanto lle ten que sigamos sen mellorar as infraestruturas, sen investimentos no sector industrial ou cobrando menos na xubilación".

Ao respecto, puxo sobre a mesa os "elocuentes" datos da pensión de xubilación que demostran a "o déficit que padecemos os galegos e galegas" xa que, mentres Ourense recibe 834€ ao mes como media e Lugo 884€, a pensión media do Estado Español alcanza 1185, a de Madrid 1384 e a de Biscaia 1484 €, exactamente 650 máis que Ourense ao mes. "É incomprensíbel que se continúen a manter diferenzas tan grandes que poderíamos extrapolar á situación da nosa rede ferroviaria ou a rede de estradas e autoestradas ou ao máis que insuficiente investimento no sector industrial", sinalou Rego que apelou de novo ao voto ao BNG como "garantía da defensa dos intereses galegos con políticas transformadoras e tamén, como demostramos sempre, de muro de contención fronte a gobernos de dereita e extrema dereita".

Cun BNG determinante, Galiza gaña

Nunha campaña en que se intenta impoñer a mensaxe do bipartidismo, Néstor Rego alertou de que "os problemas de Galiza, como se está ver nestes días, non son preocupacións nin para o bloque de Pedro Sánchez nin para o de Feijóo e, por iso, neste debate, non temos dúbida de quen o gaña é o BNG é ten aínda máis lexitimidade a nosa mensaxe porque ter máis voz en Madrid vai ser garantía de que se cumpran os compromisos para beneficio do noso país", sinalou.

Pediu así claramente o voto das persoas que "non queren ver á ultradereita campando as súas anchas e condicionado o goberno pero tampouco confían en quen deu ás costas aos intereses galegos e esqueceu aplicar políticas verdadeiramente transformadoras". A todas estas persoas, Néstor Rego lembroulles que o BNG, "nunca defrauda, porque mantemos a lealdade co país e a dignidade de ter ideas e defendelas, co compromiso firme de que, por nós, nunca se lle abrirá paso á ultradereita que ameaza dereitos básicos, mesmo o de nós existir como organización, coa garantía de que Galiza e os seus intereses estarán sempre presentes", afirmou na súa intervención nan que pediu que os votos das galegas e galegos fagan que o BNG "sexa determinante para condicionar políticas que beneficien a Galiza".

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG