BNG exixirá explicacións á Xunta no Parlamento polo retraso da ampliación do CHUAC e prazos reais para a súa execución

Ana Pontón hoxe no CHUAC da Coruña
Ana Pontón hoxe no CHUAC da Coruña

“O Goberno de Rueda prometeu que o 80% da obra estaría executado a finais de 2025 e a realidade é que o 95% está sen facer”, denuncia Pontón

Cre lamentable que o Executivo diga que está orgullo de como van as obras mentres 500.000 persoas ven como a ampliación do seu hospital non avanza

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou na Coruña que o BNG pedirá explicacións ao Goberno de Alfonso Rueda no Parlamento polo retraso da ampliación do CHUAC e exixiralle que garanta prazos reais para a súa execución coa máxima celeridade posible.

“O Goberno do Partido Popular de Rueda anunciara que no ano 2025 o 80% do novo CHUAC estaría realizado e, acabando o ano, o que podemos ver é que só se executou o 5% desas obras”, denunciou logo de manter unha reunión coa xunta de persoal do complexo hospitalario, na que tamén participaron o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e as deputadas Mercedes Queixas e Iria Carreira.

Pontón considerou “lamentable” que, ante un retraso destas características, o Executivo de Rueda diga que está moi orgulloso do ritmo das obras e que non teña ningunha preocupación.

“Quen teñen preocupación son o medio millón de galegos e galegas que reciben atención neste hospital e que ven como despois das promesas do PP o único que hai é retrasos na mellora de dotación deste complexo hospitalario e, polo tanto, retrasos en mellorar a atención sanitaria”, denunciou, para incidir en que as máis de 500.000 persoas que son atendidas no CHUAC “comproban con preocupación” como, en vez dun novo hospital, neste momento o único que teñen é “un buraco e unhas vallas”.   

Por iso, anunciou que o BNG vai denunciar esta situación no Parlamento e exixir ao Goberno de Rueda, primeiro, explicacións polos seus “anuncios propagandísticos que logo non se materializan en nada” e, segundo, “prazos reais” para poder executar unhas obras de ampliación que considerou “absolutamente neesarias” para que non quede atrás unha área sanitaria que atende a medio millón de galegos e galegas.

Un complexo hospitalario do que dixo que, pese a ser unha referencia en moitos ámbitos, ten deficiencias e problemas que necesitan ser atendidos, non só os derivados da falta de ampliación, senón tamén en canto á dotación de moitos dos seus espazos, como a falta de climatización nunha parte das instalacións que provocan que doentes e profesionais tiveran que soportar este verán temperaturas de máis de 29 graos.

A líder nacionalista urxiu a posta en marcha da ampliación para garantir que haxa tamén unha ampliación de camas e garantir que “moitos dos servizos que hoxe están privatizados” na atención desta área sanitaria “se garanta que vaian estar prestados a través do ámbito público”.

Pontón lamentou como o único que lle preocupa ao PP é “facer promesas que logo nunca se cumpren”, o que, advertiu, “repercute na atención sanitaria” que ten que atender a vida dos galegos e das galegas e, neste sentido, reprochou ao Executivo de Rueda que tamén incumprise ao anunciar a ampliación da unidade de críticos de saúde mental do hospital de Oza, logo do importante problema de agresións a profesionais rexistrado nas Urxencias do complexo hospitalario. Unha ampliación que estaba anunciada para maio, pero que segue sen executarse a mediados de setembro, denunciou.

“O Partido Popular debe dar explicacións e, sobre todo, debe garantir prazos reais para a execución destas obras de ampliación e facelo coa máxima celeridade posible porque coa saúde das persoas non se xoga”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG