congreso

BNG exixirá ao Goberno respectar o dereito de reclamación colectiva sindical e a representatividade da CIG

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego demandará a Bolaños “que deixe de pór paus nas rodas” ás organizacións sindicais como a CIG e respecte a súa lexitimidade para denunciar diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais o incumprimento polo Estado español da Carta Social Europea en relación co SMI

“Hai un conxunto de actuacións por parte do Estado español tendentes a dificultar o dereito de reclamación colectiva que son inaceptábeis e incompatíbeis co respecto ao traballo sindical

O que está en cuestión, exemplifica o deputado do BNG, é que o Salario Mínimo Interprofesional se sitúe de verdade no 60% do Salario Medio, por volta dos 1.253€/mes, seguindo os criterios do CEDS

O deputado do BNG, Néstor Rego, formulará a vindeira cuarta feira unha pregunta ao Ministro da Presidencia para saber se o Goberno “dará marcha atrás” nas prácticas realizadas contra os sindicatos, en especial contra a Confederación Intersindical Galega (CIG) e recoñeza a súa lexitimidade á hora de denunciar o incumprimento polo Estado español da Carta Social Europea en relación co Salario Mínimo Interprofesional. Así mesmo, Néstor Rego instará Bolaños a retirar a recusación interposta polo executivo contra dona Carmen Salcedo Beltrán, membro do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

A vindeira semana, na sesión de control ao Goberno no Congreso, o Bloque Nacionalista Galego pregunta “por que o Goberno está a interferir e pór dificultades para que as organizacións sindicais poidan exercer o dereito de reclamación colectiva diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais”.

“Queremos saber se o Goberno do Estado pensa mudar de actitude para deixar de entorpecer o labor das organizacións sindicais, especialmente, a Confederación Intersindical Galega (CIG), e tamén dando marcha atrás na recusación interposta contra dona Carmen Salcedo Beltrán, membro do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

No concreto, o BNG preguntará ao Ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, por que presentou alegacións que pretenden impugnar a lexitimidade da CIG -a primeira central sindical da Galiza en representación dos traballadores e traballadoras- para interpor unha reclamación polo incumprimento por parte do goberno español da Carta Social Europea en relación co Salario Mínimo Interprofesional. “Cos criterios do propio Comité e cos datos que utiliza do Eurostat o SMI, para cumprir co 60% do salario Medio, debería situarse por volta dos 1253€ e, por tanto, cos 1134 actuais aínda fica lonxe” sinala Rego.

A intervención do Goberno español negando lexitimidade á CIG por se tratar dun sindicato galego nin é acorde, explica o deputado do BNG, con ese discurso que pretenden trasladar de recoñecemento da plurinacionalidade nin “tampouco respecta a legalidade”. De facto, conforme á Lei Orgánica de Liberdade Sindical, a Confederación Intersindical Galega ten a condición de ‘sindicato máis representativo’ no conxunto do Estado español -xunto con CCOO, UGT e o sindicato vasco ELA- e por iso representación nos organismos institucionais en que existe representación sindical, como o Consello Económico e Social do Estado.

“Paus nas rodas” do Goberno

A esta situación súmanse denuncias doutros sindicatos corroborando que o Ministerio de Presidencia está a pór “paus nas rodas” ao exercicio deste dereito de reclamación colectiva e aínda a recusación presentada polo Goberno contra dona Carmen Salcedo Beltrán, como membro do Comité Europeo de Dereitos Sociais, en diferentes reclamacións colectivas, “imaxinamos que por entender que a actuación de dona Carmen Salcedo podía ser favorábel a esas reclamacións mais, curiosamente, antes gozara do apoio do propio Estado español que a avalou para facer parte deste organismo”.

“Hai un conxunto de actuacións, por parte do Goberno español, que van en contra da lexitimidade que teñen as organizacións sindicais -especificamente a CIG- para recorrer a este Consello de Dereitos Sociais e que son inaceptábeis como comportamento dun goberno que se di progresista” finda Rego. O que debe facer o goberno, sinala o deputado nacionalista, é respectar o traballo das organizacións sindicais e a lexitimidade da CIG como representante dos traballadores e traballadoras galegas.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG