Unha delegación do BNG mantivo unha reunión con representantes da Plataforma da N-120 para abordar a situación de bloqueo que sofre o proxecto de mellora desta vía ao seu paso por Ponteareas. A senadora do BNG, Carme da Silva, avanza que a organización nacionalista demandará nas Cortes do Estado o desbloqueo e o impulso deste proxecto construtivo após un ano de parálise por parte do Ministerio de Transportes.
No encontro participou, ademais da senadora nacionalista, a deputada no Parlamento de Galiza e concelleira, Cristina Fernández Dávila, e o voceiro municipal, Miguel Bouzó, así como representantes da Plataforma da N-120 que trasladaron o seu profundo malestar pola parálise do proxecto por parte do Goberno do Estado e a falta de diálogo institucional, denunciando que o Delegado do Goberno na Galiza continúa sen atender as súas solicitudes de reunión.
Carme da Silva lembra que “no pasado outubro o BNG dirixiuse ao Goberno após a publicación no BOE da resolución que aprobaba o expediente de información pública e o proxecto definitivo complementario para a construción de glorietas e o tratamento das marxes da N-120 en Ponteareas”. Segundo explica, trátase dunha actuación “necesaria para mellorar a seguranza viaria nunha zona onde non existen elementos de protección para que as persoas poidan cruzar con garantías”.
Da Silva subliña que esta demanda leva 10 anos sendo reivindicada pola veciñanza, con múltiples mobilizacións, así como por parte do BNG, tanto no Parlamento galego como nas Cortes do Estado. “Unha vez aprobado o proxecto definitivo, agardabamos que se axilizase a súa tramitación, pero a realidade é que seguimos sen coñecer un calendario de execución” recrimina.
Neste sentido, a senadora nacionalista evidencia que a mellora da seguranza viaria neste treito “é urxente e non pode seguir acumulando máis demoras” polo que avanza o rexistro de novas iniciativas nas Cortes do Estado para “exixir ao Goberno que desbloquee de inmediato este proxecto”.
Ademais, Cristina Fernández puxo enriba da mesa outra infraestrutura estratéxica para o municipio: a variante da A-52 e da N-120, destinada a reducir o tráfico no centro urbano. “É unha demanda histórica que segue sen materializarse malia os compromisos do Ministerio” sinala, lembrando que existe consenso social e político arredor do trazado máis axeitado.
Fernández insiste que tanto a reforma da N-120 como a variante “son actuacións prioritarias para garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade nun concello de máis de 23.000 habitantes”, reclamando “solucións urxentes para un problema que leva demasiado tempo sen resposta”.