BNG exixe á Xunta un verdadeiro impulso á memoria das mulleres represaliadas no Franquismo

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará demandou unha programación cultural e de investigación enfocada á muller e o seu papel na memoria democrática

O BNG denunciou no Parlamento a situación de desleixo da Xunta respecto da memoria democrática das mulleres represaliadas no Franquismo, que a día de hoxe non contan cunha programación cultural adicada en exclusiva nin o impulso do Goberno do PP para a súa inclusión nos programas de ensino.

Luís Bará demandou levar acabo medidas de investigación, divulgación, reparación e homenaxe ás mulleres represaliadas polo fascismo e denunciou a situación de moitas familias que “seguen levando esa dor” na súa memoria e, neste sentido, lembroulle ao goberno de Rueda que non existen investigacións dende o noso País sobre centros de reclusión, como os do Patronato de Protección de la Mujer e a Obra de Redención de Mujeres Caídas, entidades que quedaron ao cargo da Xunta en 1985 e máis de 40 anos despois seguen sen reparación. Alí as mulleres eran sometidas ao “adoutrinamento do Réxime, castigos e todo tipo de abusos e obrigadas a facer traballos forzados para empresas” para mulleres de entre 16 e 25 anos.

O deputado nacionalista lembroulle ao Goberno do PP que foi el o que “tumbou” o Consello da Memoria e a Illa da Memoria, proxecto que propoñía á Illa de San Simón como lugar de reparación da memoria histórica. Así mesmo, destacou que a reparación debe vir non só do recoñecemento das mulleres como vítimas, senón de todas aquelas mártires pola democracia que “foron tamén protagonistas da resistencia ao fascismo, en todas as manifestacións, no privado e no público”.

Neste sentido, Bará demandou que se tomaran “medidas de localización, dixitalización e acceso público da documentación do Patronato existentes en institucións e arquivos galegos”, dentro do contexto dunha programación cultural, de homenaxe e de investigación concreta sobre esta temática que debera estar ao abeiro da Xunta. Exixiu tamén que esta orientación debe estar presente nas políticas do ensino coa “elaboración de materiais didácticos sobre mulleres como referentes políticos e sociais e sobre a represión”

O PP votou en contra, o que deputado do Bloque cualificou de “insulto e desprezo a todas estas mulleres” dentro do contexto da “dereita máis reaccionaria do Estado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG