BNG exixe á Xunta o traslado da estación de mercadorías de Ourense a San Cibrao das Viñas

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés lamenta o “tacticismo partidario” do Goberno de Rueda e avisa de que Ourense perde unha oportunidade histórica para liberar 140.000 metros cadrados no corazón da cidade

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha proposición non de lei para instar a Xunta de Galiza a impulsar de maneira decidida o traslado da estación ferroviaria de mercadorías de Ourense ao concello de San Cibrao das Viñas. A iniciativa, que contaba co respaldo social e político maioritario, foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular.

O deputado Iago Tabarés salientou que o traslado permitiría liberar preto de 140.000 metros cadrados nos actuais terreos da estación de Ourense-empalme, que poderían reverter ao Concello de Ourense ou á Deputación para destinalos a vivenda, zonas verdes ou equipamentos. Tabarés cifrou o custo estimado da obra en 20,5 millóns de euros e subliñou que o financiamento podería obterse precisamente da desafectación deses terreos, xa que “no pasado existiron terreos da estación que quedaron sen uso e foron cedidos ao Concello”.

Na súa quenda de réplica, Tabarés cualificou de “decepcionante” a actitude do PP e da Consellería, e denunciou que “unha vez máis estamos ante tacticismo partidario” en prexuízo dos intereses de Ourense. Criticou ademais que a Xunta acuda ás reunións sobre o Corredor Atlántico sen preparación, e puxo como exemplo o encontro co comisario do Corredor, onde “a postura galega foi decepcionante”. O deputado nacionalista amosou a súa sorpresa polo escaso interese do Goberno de Rueda en proxectos estratéxicos como a conexión da A-52 co polígono de San Cibrao.

“Non existe ningún proxecto, todos son anuncios vagos, algúns do século pasado”, sentenciou Tabarés, quen fixo fincapé en que a Xunta debe promover por unanimidade este traslado, dada a “necesaria implicación de todas as administracións: Concello de Ourense, San Cibrao, Deputación e Estado”. Finalmente, pediu ao PP que recapacite e “pense por unha vez en Ourense e na cidadanía de Ourense”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG