parlamento galego

BNG exixe á Xunta que explique aos traballadores de Alu Ibérica os termos da venda da empresa e cumpra o seu compromiso de recolocar ao persoal no novo proxecto

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas denunciou que o goberno galego e central someteron  a  un continuo “engano” a máis de 300 persoas e a súas familias “vítimas dunha estafa” amparada por Aznar, Feijóo e o goberno de coalición  PSOE-UP

Lamentou que, unha vez máis, o goberno do PP  persista nas mentiras e incumpra o seu compromiso cos traballadores e traballadoras

Tras narrar diversas conversas con traballadores de Alu Ibérica para ilustrar a “agónica situación”  dunha empresa “motor no epicentro industrial da Coruña” convertido na actualidade nunha “silente Chatarreira”  e deixando na total indefensión aos seus traballadores e traballadoras, a parlamentaria do BNG, Mercedes Queixas reclamou á Xunta que explique os termos da venda da empresa e si os seus traballadores serán recolocados no novo proxecto.

O Partido popular votou en contra da proposta do BNG

Na defensa da iniciativa, Queixas sinalou que os traballadores continúan agardando por futuras solucións e  nunha continua “incerteza e burla” por parte da empresa e os poderes políticos. Fomos, parafraseando  as palabras dos propios traballadores “ vítimas dunha estafa e xogaron con nós e as nosas familias”. A xuízo da deputada, a actual situación de Alu Ibérica é outro exemplo da falta de interese do goberno galego e central por unha fábrica de “alto rendemento na Coruña”.

Resulta moi difícil, explicou,  “atopar palabras de conforto e  poder mirar aos ollos dos traballadores de Inespal-Alcoa-Alu Ibérica”, esa restra de nomes comerciais de ida e volta que tanto sufrimento deixou na clase traballadora coruñesa, “sempre anónima e sempre innomeada”. Son  300 persoas e as súas familias, “enganadas” polos gobernos,  galego e central que  prometeron o seu apoio argumentando que  a fabricación de aluminio era estratéxica e  que a  comarca da Coruña non podía perder máis postos de traballo industrial.

“Alu Ibérica  é o retrato da perda de traballo industrial, e dunha política errática do PP durante 14 anos no goberno con máis  máis de 20.000 postos de traballo destruídos no sector industrial”.

Nesta liñas, explicou que  no  2014 e 2021, Galiza perdeu o 7% das empresas do sector industria+enerxía e no mesmo período, “A Coruña perdeu o 14%”.

Na súa intervención, Queixas explicou que Alu Ibérica aportaba importantes beneficios pero o  presidente de goberno español, nun exercicio remasterizado de  “Benvido Mr. Marshall”, decide agasallala a un xigante norteamericano chamado Alcoa que vende ao fondo suízo Parter Capital por un euro e co compromiso de manter a actividade  nas dúas factorías da Coruña e Avilés pero como o barato as veces sae caro,  8 meses despois formalízase a revenda do 75% de Alu Ibérica ao Grupo Riesgo. O nome xa o dicía todo, ironizou Mercedes Queixas.

“Alu Ibérica entra en concurso de acredores, intervida xudicialmente e coa aprobación  do plan de liquidación”. Todo isto aconteceu coa conivencia de José María Aznar, Feijóo, Francisco Conde, conselleiro de Industria, e o Partido popular.

Na actualidade, hai ofertas para facerse cos activos da factoría da Coruña e recuperar a actividade industrial. A mais importante, a de Resonac-Ignis para expandir a fábrica de grafito de Resonac que pode completarse coa posta en marcha dunha nova fábrica de grafito para baterías de vehículos eléctricos e outra fábrica de hidróxeno verde. “ proxecto que a Xunta declarou como Proxecto industrial estratéxico”. Sen embargo, os traballares están no último tramo para cobrar o desemprego e pendentes  das indemnizacións, así como “da comprometida recolocación nas novas actividades industriais”.

O PP vota en contra da proposta do BNG  e non se compromete cos traballadores e traballadoras

Tras a intervención da portavoz popular, Marta Novoa que anunciou o voto en contra da proposta do BNG, Mercedes Queixas recriminou a “falta de planificación do Partido popular  para reindustrializar Galiza” e a “mentira”  do goberno de coalición PSOE-UP.

Queixas lamentou que, unha vez máis, o PP deixe na estacada ao sector industrial galego e aos seus traballadores coa escusa da mala xestión de Pedro Sánchez e da “ilegalidade” da proposta do BNG ao  que de “ilegalidades” sabe moito o Partido popular en relación á multa ao presidente da Deputación de Ourense , José Manuel Baltar por circular a 215 Qm/h na A-52 en Zamora.

A deputada do BNG recriminou á portavoz do Partido popular a “falta de compromiso” do goberno do PP cos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica  e de ter amparado “unha venda ilegal” ao que sumou acusacións de “fraude, estafa, branqueo e desvío  de capitais” por parte dos administradores.  “Esas son as compañías que escolleu o Partido popular en Galiza e o PSOE e Unidas Podemos, en Madrid”, recriminou a nacionalista.

Os traballadores necesitan unha resposta sobre o plan industrial presentado pola empresa, con que prazos, orzamentos, fondos de transición xusta,  Next  Generation, e se serán recuperados os postos de traballo. Estas son as preguntas que hoxe non quixeron responder, recriminou ao PP.   

Vostedes, concluíu  convertéronse en 14 anos en “expendedores de certificados de defunción” do sector industrial en Galiza e na comarca da Coruña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG