parlamento galego

BNG exixe á Xunta medidas para frear a caída do emprego entre mulleres e mozxs logo de que se levanten os ERTEs

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez advirte da posible conversión de ERTEs en EREs extintivos e pide recursos para frear o paro, especialmente nestes dous colectivos   

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a adopción de medidas para minimizar o impacto que vai ter sobre a economía galega e o emprego, nomeadamente sobre os colectivos de mulleres e a poboación xuvenil, o levantamento das que se tomaron para frear os efectos económicos da pandemia.

Ante o posible levantamento dos ERTEs por forza maior ou a moratoria da obriga de solicitar concurso de acredores, xunto co fin de moitas axudas, o portavoz nacionalista de Emprego e Turismo, Daniel Pérez, advertiu nunha pregunta parlamentaria ao Executivo galego da urxencia de avaliar o impacto do remate destas medidas e a concreción e posta en marcha doutras novas, fundamentalmente “para dous dos colectivos que se viron máis afectados polas consecuencias laborais, económicas e sociais da COVID: as mulleres e os mozos e mozas”.

Pérez lembra que, dos 24.000 empregos destruídos en Galiza o ano pasado, 15.900  estaban ocupados por mulleres e que a taxa de paro da poboación xuvenil tamén rexistrou importantes incrementos (pese á leve melloría nos últimos meses), mentres que a de ocupación segue baixando. “As e os mozos van ser, igual que na crise de 2008, un dos colectivos máis prexudicados”, advertiu, para engadir a continuación que unha parte da poboación xuvenil atopa traballo no sector servizos, nomeadamente no comercio e na hostalería, “sector este último que se caracteriza por unha gran precariedade e temporalidade e que, ademais, foi un dos máis castigados pola pandemia”.

No caso das mulleres, o deputado nacionalista incidiu en que os efectos da pandemia van moito máis alá do aspecto laboral, “xa que pode supoñer unha involución dos avances acadados en igualdade”, logo de lembrar que ademais de que o 77% do emprego destruído era feminino, 2020 rematou con 10.200 mulleres máis dedicadas a “labores do fogar” que en 2019. “Porque moitas se viron abocadas a responsabilizarse dos coidados, tanto no plano doméstico como na economía informal”, recalcou.

Despois de apuntar á preocupante tendencia do mercado laboral galego en termos xerais, que “dos 67.698 contratos rexistrados no mes de marzo, tan só o 13,6% foi baixo algunha das modalidades de contratación indefinida”, Pérez recordou que aínda permanecen en ERTE (cos datos de marzo) un total de 34.759 persoas e que a ralentización na saída dos ERTEs e a vinculación das axudas á formación alertan sobre a “posibilidade de que estes ERTEs se convertan en ERES extintivos”.

Neste contexto, o portavoz nacionalista de Emprego recordoulle ao Goberno de Feixóo que ten competencias en materia de emprego -“son súas as políticas de emprego activo”, recalcou- e que urxe adoptar medidas para poder facer fronte aos efectos da pandemia, unha vez que se levanten os ERTEs e chegue o fin das axudas.

“Dende o BNG levamos mees poñendo o foco na necesidade de implementar esforzos e partidas orzamentarias para atallar a especial afectación que a crise sanitaria tivo na xente nova e nas mulleres, sen que pola Xunta houbera receptividade algunha, máis alá de anunciar estudos sobre a situación dos que nada sabemos, chegando case ao mes de maio”, concluíu
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG