Parlamento Galego

BNG exixe á Xunta e ao Concello de Ourense que desbloqueen a Praza de Abastos tras seis anos de abandono

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés denunciou a paralización das obras e a falta de acordo institucional, mentres se perden fondos públicos e se deteriora o comercio local

O deputado ourensán do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, preguntou na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento, na que demandou explicacións á Xunta sobre o atraso na finalización das obras de rehabilitación da Praza de Abastos de Ourense.

“A realidade é que non son quen de tomar ningunha medida que sexa positiva para a cidadanía de Ourense. Levamos quince anos en obras, cun proxecto que tiña unha execución prevista para 22 meses. Agora nos falan de 18 meses máis de medidas de adecuación, pero a realidade é que levamos sete anos de obras e quince anos cun proxecto aprobado”, denunciou Tabarés. 

O deputado destacou que a situación está a prexudicar gravemente o comercio local e a veciñanza, e salientou a perda de fondos públicos: “Xa houbo que aportar 240.000 euros de recursos propios para pagar xuros, e salvamos moitos millóns de euros perdidos. Non é que non se executara ese financiamento, senón que para pagar a mala xestión houbo que empregar recursos públicos”. 

Malia que a remodelación do mercado foi unha demanda histórica da cidade, as obras quedaron atrapadas en indefinicións sobre os usos do edificio, carencias nas instalacións básicas, fallos de accesibilidade e unha evidente falta de planificación. Tabarés subliñou que a situación agravouse coa perda de case 4 millóns de euros procedentes do 1,5% cultural, “por non presentar a documentación requirida en prazo”. 

O deputado nacionalista lembrou que o Parlamento aprobou por unanimidade en outubro de 2024 unha proposición non de lei para impulsar un plan funcional consensuado coa Asociación de Comerciantes e o Concello de Ourense. Porén, seis meses despois, “non hai avances, senón máis parálise e confrontación entre administracións”. 

“Que futuro nos agarda aos que somos de Ourense? Que futuro lles agarda aos comerciantes? Que previsións manexa o Concello de Ourense?”, cuestionou Tabarés, quen tamén demandou explicacións sobre a adecuación do recinto, a organización da contorna, a construción dun aparcamento e a mellora da accesibilidade. 

“O abandono da Praza de Abastos é o símbolo dunha cidade paralizada por un (des)goberno municipal e unha Xunta que mira para outro lado. É hora de que as administracións asuman responsabilidades e dean unha resposta a Ourense”, concluíu Tabarés.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG