O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado e, no concreto, ao Ministerio de Transportes melloras na sinalización da estrada N-120 ao seu paso polo núcleo urbano do Castro de Ferreira, capital do concello de Pantón. A iniciativa do BNG procura corrixir a sinalización deficiente e garantir unha información adecuada sobre os servizos dispoñíbeis na vila.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que actualmente a sinalización da gasolineira situada nesta vila só está indicada nun dos sentidos da marcha, a pesar de existir accesos en ambos sentidos. Ademais, alerta da falta de indicacións sobre outros servizos urbanos básicos e puntos de interese turístico, o que prexudica tanto á veciñanza como ás persoas que transitan pola N-120 ou visitan o concello.
“O Goberno debe actuar con dilixencia para garantir unha sinalización axeitada e completa, tanto desde o punto de vista da seguridade viaria como da promoción económica e turística da zona” subliña o deputado nacionalista, que lembra que o Castro de Ferreira constitúe un núcleo de servizos fundamentais e de interese para a comarca.
Entre as demandas concretas formuladas por Rego figura a “corrección da sinalización da gasolineira do Castro de Ferreira, de modo que esta apareza claramente indicada en ambos sentidos da N-120”. Así mesmo, a incorporación de novos pictogramas que sinalicen outros servizos públicos de interese na vila, como centros de saúde, oficinas administrativas ou equipamentos culturais.
“É necesaria a inclusión de indicativos específicos para recursos turísticos do municipio, co obxectivo de favorecer a súa visibilidade e accesibilidade desde a estrada nacional” subliña o deputado do BNG no Congreso.
“Falamos dunha estrada fundamental na vertebración da zona sur de Lugo, que comunica Monforte de Lemos con Ourense e rexistra un elevado tránsito diario. Non é de recibo que unha vila como o Castro de Ferreira non dispoña dunha sinalización completa que facilite o acceso aos seus servizos” denuncia Rego.
O deputado do BNG insta o Ministerio de Transportes a tomar nota das deficiencias sinaladas e executar as melloras pertinentes “con carácter urxente, atendendo a criterios de funcionalidade, seguridade e desenvolvemento local”.