O BNG levou hoxe ao Parlamento a situación "dramática" que se vive no IES de Fene, na parroquia de Barallobre. Mon Fernández denunciou o "abandono escandaloso e irresponsable" da Xunta de Galiza, que mantén o centro, con máis de 40 anos de antigüidade, nun estado de deterioro que "supón un risco certo para as máis de 420 persoas que integran a comunidade educativa".
Fernández afirmou que "a día de hoxe existe un risco certo de que chegue a producirse un accidente grave por causa da neglixencia da Xunta". Como exemplo, lembrou o recente desprendemento dunha cornixa na única entrada do edificio C preparada para persoas con mobilidade reducida, que actualmente está balizada, deixando o edificio "inaccesíbel para estas persoas". A esta situación súmanse "fendas visíbeis en fachadas e paredes", unha estrutura metálica "totalmente corroída" cunha pasarela en risco de derrube, e "pingueiras alarmantes" en talleres e aulas, que afectan incluso á instalación eléctrica.
Para o BNG, a situación é especialmente grave nun centro que é "o máis importante do Concello e un dos máis importantes da comarca", con oferta de ESO, Bacharelato, ciclos medios, un ciclo superior e FP Básica. "As instalacións non cumpren as mínimas condicións de idoneidade, accesibilidade nin seguridade", sentenciou Fernández, quen tamén denunciou a falta de persoal administrativo, reducido a unha terceira parte, e a ausencia dunha pista cuberta para o alumnado.
Ante esta situación, o BNG reclamou a "actuación urxente" da Xunta para poñer fin ao que consideran un "xogo con lume". Fernández subliñou que non valen "maquillaxes nin propaganda" como o programa de arquitectura pedagóxica, e exixiu "vontade política acompañada das correspondentes partidas orzamentarias".
Por este motivo, o BNG presentou unha Proposición non de lei, co obxectivo de que o Parlamento inste á Xunta a incluír nos seus orzamentos para 2026 a "rehabilitación e reforma dos 3 edificios do IES de Fene", a cal, foi rexeitada cos votos en contra do PP. "As persoas que acoden a diario a Fene teñen dereito a unhas instalacións seguras e de calidade", concluíu.