O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, vén de presentar unha proposición non de lei para que o Goberno galego adopte medidas que garantan o poder adquisitivo dos salarios nas grandes empresas con altos beneficios que operan en Galiza ao abeiro de concesións administrativas ou fondos públicos. A iniciativa, que segundo o nacionalista recolle “unha petición de mínimos”, foi rexeitada polo PP, que votou en contra.
Fernández salientou que o IPC acumulado en Galiza entre xaneiro de 2021 e febreiro de 2026 sitúase no 21,7%, catro décimas por riba da media estatal, e que a partida de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis disparouse un 31% no nos país. Fronte a esta escalada, o salario medio medrou menos dun 12% no mesmo período, o que supón unha perda de poder adquisitivo de case 10 puntos respecto ao índice xeral e de case 20 puntos nos bens máis básicos.
“As rendas máis altas vense menos afectadas porque aforran unha parte da súa renda. Quen sofren a inflación son as persoas traballadoras, especialmente as de salarios máis baixos”, afirmou o deputado.
O representante do BNG fixo fincapé no comportamento das grandes empresas enerxéticas con presenza en Galiza. Segundo sinalou, entre 2020 e 2024 os seus beneficios medraron de media máis dun 30%, e en 2025 rexistraron máximos históricos: Naturgy superou os 2.000 millóns de euros; Endesa, os 2.300 millóns; e Iberdrola acadou uns 6.285 millóns. Durante este mesmo período, a retribución aos accionistas aumentou entre un 30% e un 60%, mentres que os incrementos salariais non lograron compensar sequera o IPC xeral.
“Hoxe mesmo están manifestándose diante deste Parlamento traballadores e traballadoras destas empresas, especialmente de Iberdrola, cos seus convenios colectivos encallados. As patronais non só non compensan a perda de poder adquisitivo destes anos, senón que non garanten que non a vaian seguir perdendo no futuro”, denunciou.
A proposición rexistrada polo BNG resume dúas exixencias principais: que as grandes empresas concesionarias que explotan recursos naturais e reciben subvencións, axudas ou beneficios fiscais garantan o poder adquisitivo do seu persoal; e que esta obriga se inclúa tanto na normativa galega como na estatal.
“Non estamos a falar de nacionalizar recursos nin empresas. É unha petición ben fundamentada, coherente coa directiva europea e a lei de contratación pública, que promoven as cláusulas sociais para aproveitar a potencia tractora dos fondos públicos. O mantemento do poder adquisitivo é un obxectivo que cadra perfectamente con ese espírito”, explicou Fernández.
O deputado fixo fincapé ademais na importancia da cohesión territorial, lembrando que moitos destes centros de traballo se atopan en comarcas do interior, como Valdeorras, onde se concentra parte da man de obra de Iberdrola. “Tódolos mecanismos de compensación que consigamos artellar desde os poderes públicos serán poucos para garantir que estes territorios se beneficien dos seus propios recursos”, concluíu.