BNG exixe a paralización de novos concursos mineiros ante a “ausencia deliberada de planificación” por parte da Xunta

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe

O deputado Xose Manuel Golpe denuncia 17 anos sen Plan Sectorial e alerta do “relato” que converte Galiza “nunha colonia de extracción” 

A formación nacionalista propón un 20% de participación pública en proxectos críticos, a prohibición do cianuro e unha aposta estratéxica pola “minería urbana”

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Golpe, realizou unha dura crítica ao modelo mineiro impulsado pola Xunta de Galiza, ao que acusou de basearse “nun relato que converte o territorio nunha colonia de extracción”. Durante a súa intervención no Parlamento, Golpe denunciou que o Goberno do PP leva “17 anos sen aprobar o Plan Sectorial de Actividades Extractivas”, unha situación que, na súa opinión, deixa de ser “un esquecemento administrativo para converterse nunha estratexia en plan”.

“A ausencia de plan evita que haxa mapas de exclusión e impón unha lei da selva”, afirmou o deputado nacionalista, quen tamén criticou a “opacidade” e a “simulación participativa” da Consellería, sinalando que “ter voz nun trámite de exposición pública non é participación real, é un trámite burocrático”. Golpe cuestionou a “mutilación” do Consello da Minería por parte do PP, ao expulsar “comunidades de montes, sindicatos e entidades ambientais”.

Para facer fronte a esta situación, o BNG presentou unha moción baseada en catro eixos. En primeiro lugar, exixir unha “soberanía e control real”, coa declaración de materias primas como ben estratéxico e unha “participación pública mínima do 20% en proxectos críticos”. En segundo lugar, apostar por unha “seguridade ambiental” que pase por prohibir o uso de cianuro, restrinxir as explotacións a ceo aberto e blindar a rede Natura 2000. O terceiro eixo céntrase na “participación democrática”, reclamando restaurar o Consello da Minería e corrixir a “externalización da inspección mineira a entidades privadas”. 

Finalmente, Golpe fixo fincapé na necesidade de apostar pola “minería urbana” como alternativa estratéxica: “Galiza dispón de xacementos na súa tecnosfera (residuos electrónicos, de construción) que permiten recuperar metais cun aforro do 60 ao 90% de enerxía”. A proposición non de lei non saíu adiante cos votos en contra do PP.

“Non queremos ser a Galiza de saldo, a Galiza que vende o seu chan barato e hipoteca o seu futuro. Non queremos ser a Galiza de balsas tóxicas”, sentenciou o deputado, quen concluíu exixindo unha moratoria cautelar de novos concursos mineiros ata que se elabore o plan sectorial: “Parar para ordenar, parar para cumprir a lei. Non se trata de non á minería, trátase de si ao país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG