Parlamento Galego

BNG exixe medidas urxentes para garantir unha atención educativa real e inclusiva ao alumnado galego

Deputadas coas ANPAS
Deputadas coas ANPAS
Cristina Fernández denuncia a falta de recursos humanos e materiais nos centros e acusa ao Goberno de Rueda de ignorar as demandas de familias e comunidades educativas

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, interpelou hoxe ao conselleiro de Educación no pleno do Parlamento galego para reclamar unha mellora inmediata da atención educativa en Galiza, con especial atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). Davila denunciou que “as comunidades educativas están a pasar momentos moi duros coa situación dun ensino esquilmado en recursos” mentres a Xunta “prioriza a propaganda e o negocio fronte ao dereito á educación”.

A parlamentaria nacionalista advertiu de que, malia o incremento continuado do alumnado con necesidades de apoio, os cadros de persoal seguen en mínimos, faltan docentes, especialistas e coidadores, e a Consellería “quen nega as peticións que os centros e familias realizan de forma reiterada”. “Mentres vostede di que as incidencias son puntuais e se resolven con pequenos axustes, a realidade é que moitos centros non contan cos profesionais necesarios para garantir a atención educativa que a lexislación recoñece”, afirmou.

Davila lembrou que en numerosos puntos do país —como Barbanza, Costa da Morte, As Mariñas, Vigo, Deza ou Terra de Lemos— producíronse mobilizacións de familias, concentracións, recollidas de sinaturas e mesmo folgas en protesta pola falta de recursos. “No CEIP Ana María Diéguez de Asados, por exemplo, as familias deixaron ás crianzas na casa ante a ausencia de apoios, e a resposta da Consellería foi ameazalas e comunicalo á Fiscalía”, criticou.

A deputada tamén cuestionou a falta de transparencia da Consellería e acusou ao conselleiro de “pecar contra a verdade por omisións calculadas”, citando a falta de resposta ás peticións oficiais dos centros. “As nenas e nenos están perdendo un tempo precioso que non van poder recuperar. E mentres, vostedes gábanse de premios e de ser os máis inclusivos, cando en realidade esquecen o esencial: o profesorado”, declarou.

O BNG anunciou que continuará exixindo dotación de recursos e profesionais nos centros, ao tempo que lembrou a convocatoria dunha folga de profesorado os días 28 e 29 de outubro, ante a negativa da Consellería a negociar a recuperación dos dereitos laborais recortados. “A mellora das condicións docentes repercute directamente na calidade educativa de todo o alumnado”, concluíu Davila.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG