O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado que rectifique e inclúa a Galiza das xestións iniciadas para integrar como membros asociados a determinadas nacións do Estado español na UNESCO e na Organización Mundial do Turismo (OMT), por cumprir sobradamente os requisitos para acceder a esta figura.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera esta omisión “arbitraria e profundamente inxusta” por parte do executivo estatal, que “ignora deliberadamente a condición oficial da Galiza como nacionalidade histórica, con lingua propia, cultura diferenciada, patrimonio milenario e competencias plenas en materia cultural, educativa e turística”.
Segundo explica Rego, a propia Constitución da UNESCO contempla a figura de Membro Asociado “precisamente para garantir a participación de pobos e nacións con identidade propia que non dispoñen de Estado”, polo que “non existe ningunha razón xurídica nin política que xustifique deixar fóra a Galiza mentres se avanza na integración doutras nacións”.
O BNG sinala tamén a responsabilidade directa da Xunta de Galiza, que decidiu non solicitar formalmente o ingreso, nunha actitude que Néstor Rego cualifica de “submisión e de abandono das obrigas institucionais de defensa da lingua e da cultura galegas”. Para o deputado nacionalista, esta decisión implica “renunciar a que a Galiza teña voz propia en organismos internacionais chave e a exercer o seu papel natural como ponte coa lusofonía”.
Este abandono institucional contrasta coa posición de entidades de referencia como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, que teñen defendido publicamente a necesidade de promover a inclusión da Galiza na UNESCO. Ademais do do amplo movemento social e cultural, con organizacións como a Federación Galiza Cultura, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Casa Museo Rosalía de Castro ou a Fundación Alexandre Bóveda, que están a impulsar unha recollida de sinaturas para reclamar a integración da Galiza na UNESCO.
“Estamos diante dunha reivindicación do conxunto da sociedade galega, que nace do ámbito cultural e lingüístico, mais que hoxe é xa un clamor social e político no noso país” afirma Rego. Por todo isto, o BNG exixe ao Goberno do Estado que rectifique a súa posición, que negocie e se coordine coa Xunta de Galiza e que inclúa a Galiza nas xestións en curso ante a UNESCO e a OMT, propondo formalmente a súa entrada como Membro Asociado en igualdade de condicións co resto de nacións do Estado. O Goberno debe ter en consideración que a Galiza cumpre todos os requisitos para este status, así como atender ás reclamacións sociais e institucionais e facer realidade esta demanda.
“O Goberno español debe actuar con responsabilidade democrática e respecto pola pluralidade nacional do Estado” conclúe Néstor Rego, “porque negar á Galiza na UNESCO é negar a súa identidade, a súa historia e a súa contribución á humanidade”.