congreso

BNG exixe que os ERTE non contabilicen como segundo pagador na declaración do IRPF

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado nacionalista, Néstor Rego, reclama que non sexan penalizadas as persoas en situación de vulnerabilidades que xa viron reducidos os seus ingresos salariais e que coa actual norma probabelmente terán de pagar pola obrigatoriedade de presentar a declaración se se superan os 14.000 euros de ingresos, no canto dos 22.000 se se ten un único pagador. Aliás, o BNG reclama igual medida para os emigrantes retornados que cobran pensións do estranxeiro. 

O Bloque Nacionalista Galego acaba de rexistrar unha iniciativa no Congreso en que se propón a modificación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas para aumentar o tope das cantidades percibidas do segundo e restantes pagadores. A formación nacionalista considera necesaria esta reforma para evitar a penalización das persoas que reciben rendas moi baixas de dous pagadores, como poden ser os traballadores e traballadoras que estiveron en ERTE no pasado ano. Así mesmo, exixen que esta modificación recolla o colectivo de emigrantes retornados que continúan sufrindo unha discriminación por recibiren unha pensión -normalmente moi reducida- dun terceiro estado.

O número de persoas afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) derivado da pandemia ascende a catro millóns no Estado español. Por regra xeral, o Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE), encargado do pagamento de parte ou da totalidade do salario, non practica retencións axustadas a cada un dos casos senón que retén unha parte mínima, mais vai ser considerado como un segundo pagador ao superar os 1.500 euros anuais. 

O deputado nacionalista, Néstor Rego, denuncia que isto vai “afectar moi negativamente á hora de presentar a declaración do IRPF a todas aquelas persoas que estiveron nun ERTE e tiveron dúas fontes de ingresos salariais distintas: o SEPE e a empresa”. Na maioría dos casos, esas declaracións sairán positivas e o contribuínte terá que pagar. Debido principalmente ao reducido carácter das prestacións, a normativa non obriga a practicar retencións a conta, pero se se superan os topes antes indicados, o traballador terá que pagar na súa declaración tributaria do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. No entanto, unha persoa que cobrase o mesmo mais dun só pagador non tería que presentar a declaración da renda, e non tería que pagar nada a Facenda. 

Por este motivo, a organización nacionalista reclama ao Goberno do Estado que modifique a Lei sobre a Renda das Persoas Físicas que determina a obriga de presentar declaración se se superan os 14.000 euros en lugar dos 22.000 con carácter xeral e para aumentar o tope das cantidades percibidas do segundo e restantes pagadores, fixado agora en 1.500 euros, e situalo ao redor dos 8.000 para evitar a penalización das persoas que reciben rendas de dous pagadores e que normalmente son as rendas máis baixas.

Néstor Rego apunta que se debe camiñar para un sistema tributario máis progresivo que implica que “todos e todas contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto e que, en ningún caso, teña alcance confiscatorio. O sistema tributario debe evoluír e permitir que paguen máis os que máis teñen mais non pode supor unha carga insoportábel, unha pena ou sanción para aquelas persoas en situación de maior vulnerabilidade” sinala Rego.

Solucionar reivindicacións históricas

A formación nacionalista tamén lembra que o colectivo de emigrantes retornados leva anos loitando e defendendo que se consideren exentas as rendas que perciben do estranxeiro e que non tributen como un segundo pagador. Así, Rego reclama máis unha vez que se adopten as medidas necesarias para evitar que as pensións recibidas desde terceiros estados sufran unha dupla tributación. “Hai que estabelecer un marco homoxéneo para todas as pensións, contemplando as exencións de presentar IRPF e tributación a partir das mesmas cantidades que as pensións internas” destaca o deputado do BNG. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG