BNG exixe denegar a autorización para a reapertura do taller pirotécnico de Solláns en Teo

Acto Teo
Acto Teo

Néstor Rego traslada ao Congreso as demandas veciñais que reclaman denegar o permiso de reapertura da fábrica de artigos pirotécnicos pola preocupación de que volva a acontecer outra traxedia tal e como aconteceu en 2006

A frente nacionalista demanda tamén transparencia no procedemento, tal e como estabelece a lexislación vixente, e facilitar todo tipo de información ás persoas queiran realizar alegacións

O Bloque Nacionalista Galego recolle as demandas dos veciños e veciñas de Solláns, na parroquia de Calo en Teo, e rexistra iniciativas no Congreso nas que reclama ao Goberno que non se autorice a reapertura do taller de fabricación de artigos pirotécnicos no mesmo lugar no que xa se producira unha explosión da anterior instalación. A frente nacionalista entende que é unha zona cunha densidade de poboación elevada e que, ademais, xa sufriu unha detonación en 2006 que causou graves danos en vivendas e puxo en risco as vidas da cidadanía. Así mesmo, demanda á Administración estatal total transparencia no procedemento para garantir o dereito das persoas interesadas a coñecer directamente o expediente e informes para poder realizar as alegacións ao proxecto. Así, o trasladou o Deputado Néstor Rego nunha xuntanza coa veciñanza na tarde de onte en Solláns.

A comezos de xullo, a Subdelegación do Goberno na Coruña anunciou a tramitación dun expediente para o estabelecemento dun taller de fabricacións de artigos pirotécnicos en Solláns, parroquia de Calo, no Concello de Teo. Esta nova causou unha grande preocupación entre os veciños e veciñas da parroquia, posto que en 2006 xa sufriron as consecuencias da grave explosión dunha instalación similar á que agora se pretende volver instalar no mesmo lugar. “Naquela ocasión a deflagración non causou vítimas pero si cuantiosos danos materiais en polo menos 35 casas, destacando os danos estruturais nalgunhas vivendas, así como a rotura de cristais, tellados, xanelas, portas e persianas de 40 casas, nun radio de 400 metros” lembra o deputado.

Cabe destacar que a antiga instalación contaba con todos os permisos e medidas de seguranza exixidas pola lexislación, mais non evitou o fatal accidente. A empresa, a mesma que agora solicita a reapertura, almacenaba máis material do permitido pola licencia ou autorización concedida, semellante á que agora se solicita. De facto, durante o xuízo quedou probado que a empresa almacenaba unha cantidade entorno aos 250 kg nunha das casetas sen autorización, cando nas que si estaban autorizadas tiñan como límite 5 kg. En consecuencia, pode tamén considerarse demostrado que as exixencias da normativa vixente para a autorización non garanten a seguranza das persoas que viven a carón da pirotecnia.

Así mesmo, é a propia empresa que se interesa por obter a solicitude a que interpreta unilateralmente a normativa para dicir que a distancia suficiente de seguridade a núcleos de poboación ou aglomeracións urbanas é de 125,25 metros, entendendo por tal o núcleo de Solláns, e 110 respecto de vivendas fora do núcleo, cando como xa se recolleu no punto primeiro, a explosión do taller afectou a un perímetro de 400 metros. Neste núcleo, ademais de vivendas habitadas, existen distintos locais comercias, como bares ou restaurantes, a sede dunha asociación veciñal e a sede do CRA de Teo (Conxunto de Escolas Rurais Agrupadas).

“É evidente, que non se pode autorizar a apertura dun novo taller de pirotecnia nesta zona densamente poboada e en que a localización proposta contaría con vivendas situadas a moi curta distancia, como queda demostrado polos danos causados pola explosión anterior” destaca Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG