BNG exixe á Consellería do Mar medidas contra o deterioro medioambiental e a caída de produtividade na Ría de Arousa

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez advirte do “desastre” da última campaña de libre marisqueo e propón un plan de actuación inmediata para reverter esta situación

A portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, demandoulle á Consellería do Mar “máis medios económicos e humanos” para reverter o “desastre” das últimas campañas de libre marisqueo na Ría de Arousa, cun descenso da produción e do número de embarcacións que supón “unha sangría económica, laboral e social á que o Executivo do PP non aporta solucións”.

Pérez denunciou que “o sector do mar leva anos reclamando medidas e o Goberno do PP di que non pasa nada e mira para outro lado”. Neste sentido, alertou da “realidade que a Consellería do Mar non quere admitir” no conxunto da actividade marisqueira da ría, con só 185 toneladas de ameixa babosa no 2021 cando a media ata o ano 2020 era de 575 toneladas recollidas.

No caso do berberecho a “sangría” é notable, con só 165 toneladas extraídas o ano pasado cando, ata 2020, a media era de 724 toneladas, con perdas tamén na produción do mexillón, “unha industria que no noso país dá de comer a miles de familias”, remarcou.

A deputada nacionalista emprazou ao Goberno do PP a deixar “a distorsión da realidade na que vive e actuar de inmediato, xa que é quen ten os medios, os centros de investigación e pode colaborar coas Universidades, mais segue sen mover un dedo”, denunciou. Pérez subliñou a necesidade de investigar as condicións ambientais, os vertidos e a calidade das augas. A inacción política da Consellería do Mar deriva na “perda de liderado na distribución de bivalvos no mercado español, que na actualidade encabeza Portugal”, alertou.

Pérez exixiu á Consellería do Mar “máis análises, avaliacións, asesoramento, estudos, conclusión deses estudos e, sobre todo, medios, máis medios humanos nos distintos centros de investigación cos orzamentos necesarios”. A deputada tamén advertiu da falta de produción de semente propia, “semente que se importa doutros países, algo que resulta inexplicábel que non se críe aquí, no país pesqueiro e marisqueiro por excelencia da UE”, argumentou. A deputada concluíu coa proposta do BNG “para a elaboración dun plan concreto de actuación, que analice as causas e o porqué deste deterioro progresivo e permita a recuperación ambiental da ría e o incremento da súa produtividade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG