BNG exixe ao PP que remate coa campaña de criminalización das baixas laborais e das profesionais sanitarias

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia a incorporación dun indicador nos Acordos de Xestión que penaliza con recortes ás médicas e médicos de Primaria cando as incapacidades temporais superan os “tempos estándares”

O BNG alerta de que penalizar cun 10% a produtividade variábel por non dar altas rápidas vulnera o criterio clínico e agrava a deterioración da sanidade pública, as listas de espera e a saturación asistencial

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, denunciou hoxe a “campaña de criminalización” que o Partido Popular mantén contra as persoas de baixa laboral e contra as profesionais sanitarias que prescriben esas incapacidades. Prado advertiu de que esta estratexia “monta na mentira do exceso e duración das baixas”, cando Galiza é a segunda comunidade autónoma con menor incidencia de baixas laborais: 26,6 por cada mil traballadores, fronte á media estatal de 36,2.

A parlamentaria nacionalista alertou especialmente da inclusión nos Acordos de Xestión da Atención Primaria dun indicador que penaliza ás profesionais cun recorte do 10% no complemento de produtividade variábel, e que ademais pode supor atrasos na carreira profesional, cando unha baixa laboral dura máis do que a administración considera “tempos estándares”. “Tanto o inicio dunha incapacidade temporal como a súa finalización teñen que ser decisións estritamente clínicas, fundamentadas en criterios médicos e nas necesidades asistenciais de cada doente”, subliñou.

Neste senso, Prado lembrou que na duración dunha baixa inflúen múltiples factores, como as características e patoloxía da persoa enferma, a súa idade, os antecedentes médicos, as condicións do seu posto de traballo e, de xeito especial, “o deterioro da sanidade pública, a falta de recursos, as listas de espera insoportables, a saturación da Primaria e Hospitalaria, e as malas condicións laborais do persoal sanitario”.

O BNG rexeita tallantemente que a duración dunha baixa laboral poida ter efectos retributivos para as profesionais e por iso a formación nacionalista exixiu ao PP que remate coa campaña de criminalización, que deixe de presionar aos médicos para que axilicen as altas laborais e que deixe de facer de lobby da peor das patronais para defender o dereito á saúde das traballadoras e traballadores. Así mesmo, o BNG demanda ao Goberno galego tres medidas urxentes: eliminar de xeito inmediato dos acordos de xestión o indicador que penaliza aos médicos cun recorte do 10% na produtividade variábel se non dan altas rápidas, garantir o criterio clínico fronte ao económico e reforzar a sanidade con máis profesionais, máis recursos e que reduza as listas de espera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG