BNG exixe ao MITMA datas concretas para a posta en funcionamento dos trens AVRIL

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama ao Ministerio de Transportes estabelecer un calendario real sobre os novos trens que mellorarán os tempos de viaxe nas comunicacións ferroviarias e exixe concretar cantos serán destinados á Galiza

A frente nacionalista aposta por destinar “máis recursos materiais e humanos” para mellorar a calidade do servizo ferroviario na Galiza e solucionar os problemas que existen na actualidade

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas na cámara baixa sobre a dotación para a Galiza e a posta en funcionamento dos novos trens AVRIL comprometidos polo Goberno do Estado. A organización nacionalista reclama axilizar a supervisión dos trens por parte da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria e a verificación de cada unha das trinta unidades. Neste sentido, reitera a necesidade de que o Ministerio de Transportes concrete un calendario para a realización da supervisión e a posta en funcionamento, así como determinar cantas unidades se destinarán á Galiza.

Concluídas as probas de homologación en vía dos novos trens Talgo Avril encargados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, queda pendente a supervisión da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria. Os trens Avril, que mellorarán os tempos de viaxe nas comunicacións da Galiza, precisan desta última supervisión para que poidan prestar o servizo e verificar cada unha das unidades, que ascenden a trinta.

Cabe lembrar que o Bloque Nacionalista Galego ten rexistrado diversas iniciativas por este asunto no Congreso desde que o Goberno do Estado anunciou o encargo para a construción destas novas unidades. “Mais, o Ministerio de Transportes non cumpriu cos prazos anunciados en reiteradas ocasións e vemos como, a pesares de ter incumprido as datas para a súa posta en funcionamento, négase a estabelecer un calendario para os trámites que aínda fican pendentes por realizar” sinala o deputado do BNG. A organización nacionalista entende que este último procedemento, que a AESF e a ERA validen a documentación, é relativamente rápido en comparación aos anteriores.

“Demandamos o transparencia por parte do Ministerio, tanto para coñecer cando se iniciará a supervisión por parte da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria e o tempo que durará a realización da mesma, como para saber a data para a posta en funcionamento dos trens” afirma. Néstor Rego, engade nas súas iniciativas, unha nova petición para coñecer a data que manexa o Ministerio para a posta en funcionamento destes trens e, polo tanto, a mellora dos servizos.

Máis recursos son máis servizos

“O baile de cifras non serve de nada. O Ministerio de Transportes debe aclarar cantas unidades deste tren serán destinados ao servizo ferroviario na Galiza e, polo tanto, se aposta por un modo de transporte eficaz, eficiente e sustentábel para a cidadanía galega” reivindica Rego. A organización nacionalista entende que o sistema ferroviario galego precisa de máis recursos –materiais e tamén humanos- para prestar un servizo de calidade á cidadanía.

Na actualidade, as liñas ferroviarias, sobre todo a do Eixo Atlántico e a do AVANT Ourense-A Coruña, non ofrecen todos o servizos que poderían “de ter os recursos materiais e humanos suficientes”. Aos retrasos cronificados das liñas, incide Rego, súmaselle a escasa oferta de frecuencias, provocando que centos de potenciais persoas usuarias empreguen o seu vehículo particular. “Se o Goberno destina máis trens Avril para a Galiza, o servizo ferroviario podería mellorar, aumentando a oferta de frecuencias” conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG