BNG exixe ao MITMA e ADIF revisar o proxecto para a supresión do paso a nivel en Peliquín

Rolda Ourense
Rolda Ourense

Néstor Rego traslada ao Congreso as demandas e propostas da veciñanza do barrio ourensán co obxectivo de evitar o illamento de Peliquín do resto da cidade

Luis Seara, candidato á alcaldía de Ourense polo BNG, demanda alternativas que permitan a comunicación viaria e peonil do barrio de Peliquín co resto da cidade, así como a utilización doutros medios e materiais no proxecto

 

Madrid, 18 de xaneiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas no Congreso sobre o paso a nivel con barreiras do barrio de Peliquín, na cidade de Ourense. A frente nacionalista reclama que o MITMA e ADIF dean un paso atrás e prescindan da construción de muros de formigón e os substitúan por outros materiais que permitan integrar a comunicación do barrio co resto da cidade e evitar o seu illamento.

A entrada da alta velocidade a Ourense e a construción da variante de Taboadela até Ourense exixen realizar obras de modificación do trazado, así como a electrificación no tramo Taboadela-Empalme. Dentro das obras, contémplase a eliminación do paso a nivel con barreiras do barrio de Peliquín que sería substituído por un paso elevado, só para peóns, e a construción dun muro de formigón a ambos lados da vía co obxectivo de reducir a contaminación acústica.

Mais, a veciñanza do barrio de Peliquín –que xa presentou alegacións ao actual proxecto a través da asociación veciñal- considera que esta decisión non é a adecuada. “O proxecto que prevé tanto o MITMA como ADIF deixaría o barrio sen comunicación coa Avenida de Santiago e o barrio do Vinteún e mesmo queda sen acceso aos distintos servizos públicos como os centros escolares, centro de saúde ou a propia estación de ferrocarril” explica o deputado do BNG no Congreso.

“O Ministerio de Transportes e ADIF deben atender as alegacións da asociación veciñal de Peliquín e contemplar a proposta que lle trasladan para construír un paso subterráneo para peóns e turismos no mesmo lugar en que se atopa o paso a nivel con barreiras” indica Rego. En opinión do deputado do BNG, esta proposta permitiría garantir a seguranza no tránsito ferroviario e a posibilidade dun acceso cómodo e directo para os vehículos e viandantes desde o barrio até o resto da cidade.

Para o voceiro e candidato á alcaldía da cidade polo BNG, Luis Seara, é necesario que o Goberno do Estado revise o proxecto actual e prescinda da construción dos muros de formigón de máis de sete metros de alto. “Deben substituílo por outros medios e, se se quere reducir a contaminación acústica polo paso dos trens de alta velocidade, mesmo escoller outros materiais que se integren no medio e non afonden no illamento do barrio” insiste Seara.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG