BNG exixe ao MITECO que dea a coñecer a capacidade de acceso aos nós de transición xusta de Meirama e As Pontes

Néstor Rego
Néstor Rego
Reclama unha previsión real para comezar os procedementos de adxudicación de capacidade de acceso de evacuación nos nós de transición xusta

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas preguntas sobre o futuro de Meirama e As Pontes, así como a previsión do executivo estatal para iniciar os procedementos de adxudicación da capacidade de acceso de evacuación nos nós de transición xusta. Así mesmo, a organización nacionalista reclama que o Ministerio faga públicos os criterios técnicos e específicos- económicos, ambientais e sociais- aplicábeis, tendo en conta a importancia da cuestión para Cerceda, As Pontes e Galiza no seu conxunto.

En setembro de 2020 o BNG rexistraba preguntas para coñecer a capacidade de evacuación de Meirama e das Pontes pola importancia socioeconómica da infraestrutura, básica para o chamado proceso de transición, e para denunciar o desleixo na planificación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica. “O que está acontecendo resulta unha evidente improvisación e pode supor un grave prexuízo para conseguir unha verdadeira transición xusta para estas comarcas” explica Néstor Rego.

“A resposta dada naquel momento por parte do executivo demandaba paciencia, mais o Goberno non pode adiar unha solución é urxente para posibilitar a reactivación” subliña o deputado do BNG. Néstor Rego, lembrou que despois da pregunta rexistrada o Goberno convocou un concurso publico mais non existe información sobre os valores definitivos para a capacidade dos nós de transición xusta. O Ministerio pode agora despois do peche das térmicas, conceder o acceso a novas instalacións de xeración a partir de fontes de enerxía renovables que, ademais dos requisitos técnicos e económicos, poden achegar beneficios ambiental e sociais”.

“Entendemos que agora o Goberno do Estado ten que informar sobre a capacidade existente e os criterios técnicos e específicos aplicados para a súa realización polo operador no caso dos nós de transición xusta de Meirama” reivindica Rego. Así mesmo, o BNG quere coñecer os criterios técnicos específicos aplicados para a súa realización polo operador do sistema eléctrico no caso dos nós de transición xusta das Pontes.

Alén do máis, a organización frentista quere coñecer as previsións temporais que realiza o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para “comezar os procedementos de adxudicación de capacidade de acceso de evacuación nos citados nós de transición xusta”. Da mesma maneira, reclaman saber os requisitos técnicos, económicos, ambientais e sociais aplicábeis nestes casos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG