parlamento galego

BNG exixe ao goberno que cumpra a lei e abandone a opacidade na información e conivencia coas grandes empresas do transporte

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos reprobou a actitude de Ethel Vázquez por  “mirar para outro lado”  ante as irregularidades no reparto do mercado entre Alsa e Monbus 

A través dunha moción,  o deputado do BNG, Paulo Ríos pediu ao Goberno galego que cumpra a lei e “abandone a opacidade e conivencia coas grandes empresas do transporte público”.

Na defensa da moción, reprobou a actitude da  conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez por mirar para outro lado no “reparto ilegal” do mercado entre Alsa e Monbus ao que sumou o  “visto e prace da Xunta” e volveu a exixir que  o goberno “ cumpra a lei” .

Paulo Ríos  lembrou que no debate da interpelación do BNG á conselleira na Cámara galega,  esta mostrou o seu nerviosismo e enfado e mesmo acusou ao deputado nacionalista de falsear  o acontecido pero hoxe, dixo, temos a oportunidade de saber quen minte, quen oculta datos e quen ten responsabilidade ante o “mal funcionamento do transporte por estrada”.

A Comisión Galega da Competencia abstívose de investigar

En primeiro lugar, dixo o deputado,  a Conselleira “acusoume de mentir e terxiversar as diferentes sentenzas emitidas polo TSXG e  Tribunal Supremo” e puntualizou que  as sentenzas non condenan  á Xunta de Galiza por incorrer  no reparto ilegal do mercado entre Alsa e Monbus. O que di  a sentenza é que “este reparto foi feito por estas dúas empresas, co visto e prace da Xunta de Galiza”, e acusa á Comisión  Galega de Competencia de non ter  investigado este proceso, a pesar de existir  denuncias ao respecto.  Ríos acusou á Comisión Galega da Competencia de “abdicar das súas competencias” e non investigar amparándose nun informe elaborado pola Mesa de Contratación da propia  Xunta de Galiza.

Para o nacionalista, este proceder confirma que a  Comisión Galega da Competencia non actuou por orde e decisión da Xunta de Galiza para esclarecer o que estaba acontecendo co reparto dos lotes do transporte público. “Vostedes utilizaron  subterfuxios técnicos e legais para xustificar o posicionamento de Competencia”.

Hai responsabilidade da Xunta de Galiza no reparto ilegal do mercado entre Alsa e Monbus? Si ou non? volveu a preguntar o deputado do BNG.

Por outra banda, tamén preguntou se é certo que  o  director Xeral de Mobilidade permanece investigado ou imputado  por unha  denuncia por prevaricación administrativa e augurou que na actualidade aínda ninguén  pasou polo xulgados, “máis tarde ou cedo pasarán” e con toda seguridade o director Xeral de Mobilidade non tardará moito.

A Xunta carece de Plan estratéxico para controlar os contratos de transporte

No transcurso da defensa da moción, o deputado do BNG tamén se interesou por saber se “a  Xunta de Galiza requiriu o cobro dos canons que as empresas concesionarias tiñan que pagar polos contratos asinados, un ano despois do establecido e despois de que o Consello de Contas comezase cos seus traballos para elaborar o informe de fiscalización”, porque sabemos, dixo,  que o  informe do Consello de Contas acusa á Xunta de Galiza de non ter elaborado un plan estratéxico para o control e seguimento dos contratos do Plan de Trasporte Público de Galiza.

 Coñecemos o listado de matrículas asignadas aos contratos de transporte público, os diferentes expedientes de sanción  contra as concesionarias e o seu desglose por lotes grazas a requirimentos xudiciais e porque  despois de reclamar reiteradamente esta documentación,  foi enviada de maneira desordenada e repetida coa intención de obstaculizar o noso traballo e coa vontade de camuflar parte dos datos.

Dende o BNG, concluíu o nacionalista, reclamamos respostas ás preguntas que lle formulamos e que remitan a información porque o seu proceder fainos pensar “que teñen algo que agochar” e se non é así, voten a favor desta moción e cumpran a lei e poñan “branco sobre negro a súa xestión do transporte público de Galiza”.

A moción defendida polo deputado do BNG, Paulo Ríos foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG