O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado, no concreto ao Ministerio de Transportes, rectificar de inmediato a decisión de suprimir a conexión ferroviaria directa entre A Coruña e Barcelona. Após o anuncio de RENFE de eliminar esta liña no mes de abril, Néstor Rego exixe a súa continuidade e o seu reforzo por ser un servizo estratéxico para a Galiza.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifica a medida anunciada pola operadora ferroviaria como “inxusta e fondamente lesiva para os intereses da Galiza” ao considerar que se trata da eliminación do “único tren directo entre ambas cidades” que se coñece popularmente como “o Shangai” con máis de 75 anos de historia.
“Non estamos só ante a supresión dun servizo útil e con alta demanda, senón ante un novo paso no desmantelamento das conexións ferroviarias da Galiza, afectando a un elemento moi presente na memoria colectiva do noso pobo e ligado á emigración” alerta Rego.
Esta decisión, para o deputado nacionalista, implica “deixar sen conexión directa á cidade da Coruña e a toda a súa área de influencia, malia o peso demográfico, económico e turístico, ao tempo que obriga as persoas usuarias a realizar diferentes transbordos para desprazarse até Barcelona e a outros destinos intermediarios como León, Palencia, Burgos, Logroño, Zaragoza ou Tarragona”.
Ante esta situación, Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado unha rectificación inmediata e estabelecer un servizo diario que conecte, tanto A Coruña como Vigo, con Barcelona e mellorar a actual oferta. “O reforzamento do servizo no sur non pode facerse a costa de recortar conexións na zona norte do País” incide o deputado nacionalista.
Así mesmo, a organización nacionalista exixe, máis unha vez, recuperar os servizos ferroviarios eliminados na pandemia “nomeadamente o tren nocturno a Barcelona que tiña unha grande utilidade para amplas comarcas da Galiza”. Do mesmo xeito, urxe restabelecer a conexión directa entre a Galiza e Euskadi.
“Non é comprensíbel investir na modernización das infraestruturas ferroviarias da Coruña e, ao mesmo tempo, recortar os servizos dispoñíbeis. Esta decisión, que debe rectificarse, é unha evidencia da falta de planificación e mesmo de compromiso coa mobilidade da cidadanía galega” sentenza Rego.