O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar no Congreso unha iniciativa para reclamar ao Goberno do Estado actuacións inmediatas que permitan avaliar e asegurar os cantís da praia do Xunqueiro, en Mera, no concello de Oleiros, após os reiterados desprendementos producidos nos últimos anos e do risco que supoñen para as vivendas situadas na rúa da Gaivota.
Segundo denuncia o BNG, os derrubamentos nos cantís son recorrentes, especialmente durante a época invernal, cando as choivas incrementan de forma significativa o perigo de novos desprendementos. Estes cantís atópanse ao pé dunha vía urbana e moi próximos a varias vivendas unifamiliares, o que supón unha ameaza directa para a seguridade das persoas e dos bens.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao executivo que “asuma a súa responsabilidade como titular do dominio público marítimo-terrestre e actúe de maneira inmediata para evitar que se produzan situacións de risco perfectamente previsíbeis”. Rego lembra que, malia a transferencia das competencias de xestión do litoral á Xunta da Galiza, “as actuacións para reparar os danos derivados da erosión dos cantís e garantir a seguranza das infraestruturas e das vivendas seguen sendo competencia do Estado”.
Neste sentido, o Rego demanda que o Goberno realice unha inspección técnica exhaustiva do estado actual dos cantís da praia do Xunqueiro, coa correspondente avaliación dos riscos existentes, así como que recoñeza formalmente a situación de desprendementos repetidos que sofre esta zona desde hai anos.
Así mesmo, a formación nacionalista exixe que se poñan en marcha actuacións de aseguramento e estabilización dos cantís, co obxectivo de evitar novos derrubes e posíbeis accidentes, e que se adopten todas as medidas necesarias para garantir a seguranza estrutural das vivendas da rúa da Gaivota, á altura da praia do Xunqueiro.
“O que non é admisíbel é que se espere a que aconteza unha desgraza para actuar. Hai informes, hai antecedentes e hai risco evidente para a veciñanza” advirte Néstor Rego, quen subliña que “a prevención e a protección das persoas deben estar por riba de calquera escusa administrativa”.