A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Noa Presas, defendeu unha proposición non de lei na que insta o Goberno galego a adoptar medidas urxentes ante o impacto macroeconómico e orzamentario derivado do conflito en Irán. A iniciativa, que foi tumbada cos votos en contra polo PP, reclama un informe parlamentario sobre a revisión das previsións económicas, a activación do Instituto Galego do Consumo para investigar posibles abusos de prezos e a flexibilización do pago de obrigas tributarias para sectores vulnerables.
Presas criticou que a Xunta tardase "máis dun mes en reaccionar" e que, cando o fixo, presentase un paquete de 157 millóns de euros "insuficiente" en comparación cos 180 millóns destinados a industria militar ou cos 750 millóns que o Goberno de Rueda deixou sen executar no exercicio 2025, incluídos 110 millóns en políticas sociais. "Non é falta de recursos, é falta de vontade", afirmou.
A deputada nacionalista subliñou que Galiza rexistrou en marzo de 2026 o IPC máis alto do Estado, catro décimas por encima da media estatal, e que a inflación subxacente golpea especialmente a vivenda e a alimentación. Fronte a esta realidade, o BNG propón un plan de 700 millóns de euros en dez áreas, inspirado en exemplos como o de Euskadi, que destinará 105 millóns a familias vulnerables fronte aos 6,2 millóns anunciados pola Xunta. "O PP vota en contra de debater o impacto da guerra, non quere actuar e prefire dar 'carné de bos españois' antes de protexer ás clases populares", salientou Presas.
A deputada do BNG lembrou que o Goberno galego aprobou o seu plan de medidas o 30 de marzo, "mes e medio despois de comezar a guerra en Irán", e só tras a presión da oposición no Pleno do Parlamento. Ademais, denunciou que o PP rexeitou incluír no debate calquera chamada á Comunidade Internacional para condenar a agresión militar: "Vostedes non están contra a guerra cando lles apetece, como escusa para avalar despois orzamentos militares por riba do gasto social". Neste sentido, Presas subliñou que mentres a Xunta destina 180 millóns á industria militar, coa pretensión de mobilizar 900 millóns, deixa sen executar partidas clave en medio rural (82 millóns no ano da peor crise de incendios) e no Fondo de Continxencia.
Por último, a deputada nacionalista respondeu ás críticas do PP sobre a cifra de 700 millóns proposta polo BNG, sinalando que o propio Goberno galego deixou sen gastar 750 millóns no último exercicio orzamentario. "Non é que non haxa recursos, é que falta capacidade e vontade para resolver os problemas da xente", insistiu Presas, quen avanzou que o seu grupo fará seguimento das partidas prometidas pola Xunta. A proposición non de lei reclamada polo BNG inclúe tamén a elaboración dun informe sobre a afectación da guerra ás contas públicas e a revisión das previsións macroeconómicas, así como o fraccionamento de pagos tributarios para pequenos e medianos autónomos e colectivos vulnerables.