congreso

BNG exixe ao Goberno español transparencia e información sobre o Plan de rescate que enviou a Bruxelas

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego cualifica de “absolutamente inaceptábel” que se furte ao Congreso e á sociedade o contido das reformas que exixe a Unión Europea para liberar os fondos

O deputado nacionalista alerta de que a opacidade do Goberno fai temer novos recortes, como xa se veñen anunciando nas pensións

BNG rexistra unha iniciativa no Congreso para exixir ao Goberno que dea completa información sobre o contido das “reformas” incluídas no Plan de Rescate que na pasada sexta feira, 30 de abril, enviou a Bruxelas. O deputado nacionalista, Néstor Rego, denuncia que até agora o Goberno só “vendeu” os aspectos do Plan que teñen a ver cos investimentos, mais oculta as medidas que a UE reclama para liberar os fondos e que previsibelmente afectarán as pensións, as condicións laborais e a política tributaria, entre outros.

Rego denuncia unha actitude do Goberno, que considera inadmisíbel, de ocultación de información ao Congreso e ao conxunto da sociedade. “É absolutamente inaceptábel que se furte a posibilidade de debater, coñecer e estabelecer posición sobre asuntos que van afectar de maneira importante a vida das persoas, especialmente das clases populares do noso País, da Galiza”.

O deputado nacionalista salienta que até agora o Goberno só informou dos aspectos que considera ‘positivos’, especialmente dos obxectivos de investimento dos fondos europeos, mais actúa con absoluta falta de transparencia no que ten a ver con aqueles que, con certeza, serán peor recibidos pola cidadanía. “O BNG sempre alertou de que, contra o que nos dicían, os fondos europeos eran condicionados. Hoxe xa está constatado que así é, mais continúan ocultando cales son as ‘reformas’ que Bruxelas exixe para liberalos, o que confirma que se tratará de novos recortes e sacrificios sociais”, subliña Rego.

De facto, algúns datos que se van coñecendo apuntan nesa dirección. Por exemplo, o que o propio Ministro Escrivá avanzou na Comisión de Traballo e Seguranza Social do Congreso en relación coas pensións ou a pretensión de eliminar a dedución na tributación conxunta do IRPF. “A pesar de seren explicacións moi xenéricas, os datos avanzados por José Luís Escrivá confirman que existe a intención de proceder a un novo recorte das pensións, especialmente pola vía de incrementar o período de cómputo a 35 anos, de penalizar as xubilacións anticipadas e de ‘incentivar’ a permanencia no mercado laboral para alén da idade legal da xubilación”, destaca Néstor Rego.

Para o deputado nacionalista, e a teor de declaracións efectuadas por responsábeis europeos, nunha liña similar poderán decorrer as políticas laborais ou tributarias. “A UE xa advertiu que non correspondía derrogar as reformas laborais de PSOE e PP e as últimas declaracións da Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, no sentido de que as súas propostas de mudanza ‘gustaban moito’ en Bruxelas fan temer o peor. De facto, é significativo que o Goberno non cumprise aínda o compromiso -que era tanto de Podemos como do PSOE- de derrogar a reforma laboral do Partido Popular”, sinala.

O BNG leva meses reclamando transparencia ao Goberno sobre a condicionalidade dos fondos e as exixencias da UE. “Fixémolo aínda na última comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso que, a pesar de ser sobre os fondos europeos, non serviu para coñecer absolutamente nada sobre os plans de ‘reforma’ do Goberno” -subliña o deputado. “Iso si, tamén advertimos de que toda a reforma administrativa que se produciu para a xestión destes recursos públicos se orienta a favorecer as grandes empresas -incluídas as do IBEX 35- en vez de priorizar os investimentos públicos e o interese social. Máis unha vez, lamentabelmente veremos como gaña a burguesía e a oligarquía española e perden as clases populares e os pobos”.

En todo o caso, o BNG exixe que sexa dado a coñecer xa o contido completo do Plan entregado en Bruxelas. “Só desa maneira as forzas políticas e o conxunto da sociedade poderemos formar unha opinión e unha posición documentada sobre aspectos que, sen dúbida, van afectar as condicións de vida das maiorías sociais da Galiza e do Estado”, conclúe Néstor Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG