O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar nas Cortes do Estado unha batería de iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado solucións urxentes ante a situación de total desconexión dixital que sofre a veciñanza da parroquia de Sobradelo, no concello de Vilagarcía de Arousa, após o apagamento da conexión analóxica de cobre sen a correspondente cobertura por fibra óptica.
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que “esta situación supón unha vulneración flagrante do dereito á conectividade en igualdade de condicións, sobre todo cando estamos a falar de servizos básicos como a teleasistencia, a educación ou o traballo, que dependen do acceso á rede”.
Desde finais de 2023, arredor de 150 vivendas de Sobradelo ficaron sen acceso á internet nin cobertura de telefonía móbil, a pesar de que toda a parroquia fora incluída na resolución do Programa Único de Banda Larga publicada o 2 de decembro de 2021. “O máis surrealista do caso é que mesmo nunha mesma rúa hai casas con conexión e outras sen ela, dependendo de se o número é par ou impar” explica da Silva.
A situación afecta directamente a zonas como A Malladoira, Vilaboa e A Rosaleda, que carecen de calquera tipo de conexión tras a retirada da liña de cobre, o que imposibilita o teletraballo, a actividade das persoas autónomas e o acceso á educación virtual, ademais de impedir o uso de servizos de teleasistencia fundamentais para a poboación maior.
A senadora nacionalista reclama ao executivo que explique por que non se completou o despregamento de fibra óptica en toda a parroquia, cando a adxudicación a Telefónica tiña como obxectivo cubrir precisamente as zonas brancas sen conexión. “Non é aceptábel que se estea a iniciar unha nova fase do Plan Único mentres hai actuacións da fase anterior que fican sen executar” advirte.
Ante esta situación, Carme da Silva demanda ao Goberno do Estado que recoñeza a situación de desconexión da parroquia de Sobradelo e aclare as razóns polas que o despregamento foi incompleto, deixando fóra a máis de 150 vivendas. “Débense adoptar de inmediato as medidas necesarias para garantir o acceso á fibra óptica e cobertura móbil nestes núcleos, sen máis demoras” exixe a senadora.
“O Goberno non pode dar por pechada a fase actual do Plan Único sen resolver previamente as actuacións pendentes, incluídas as de Sobradelo, adoptando un modelo de transición progresiva, comezando o apagamento só nas zonas onde a fibra xa está dispoñíbel, garantindo a continuidade do servizo mentres non se execute o despregamento completo” defende.
“Non se pode permitir que a veciñanza rural galega quede unha vez máis esquecida polos plans estatais. A brecha dixital non se pecha con anuncios en Madrid, senón garantindo servizos reais para todas as persoas, tamén en parroquias como Sobradelo” conclúe Carme da Silva.