A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, reclama ao Goberno do Estado actuar con dilixencia para asumir definitivamente a titularidade da Casa Barroca de Combarro e impulsar o proxecto do Museo do Mar e das Artes e Tradicións Populares que motivou a súa adquisición hai máis de cincuenta anos.
A formación nacionalista lembra que xa na pasada lexislatura advertira da existencia de indicios que apuntaban a que este emblemático inmoble, situado no conxunto histórico de Combarro, fora adquirido polo Estado a comezos da década de 1970 para convertelo nun museo dedicado ás artes da pesca e ao modo de vida da Galiza litoral.
Na resposta ofrecida en 2021 ao BNG, o Ministerio de Cultura afirmaba que non constaba nos seus antecedentes a titularidade estatal do edificio, aínda que anunciaba que realizaría as xestións necesarias para aclarar tanto a titularidade como a súa situación.
Agora, após a documentación histórica achegada pola Asociación A Solaina –coa que o BNG vén de manter unha reunión- e as novas probas incorporadas ao expediente, a senadora do BNG considera que existen fundamentos sólidos para que o Ministerio de Cultura actúe de maneira decidida.
A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que "a documentación coñecida nos últimos meses aclara de maneira moi significativa os indicios de que a Casa Barroca foi efectivamente adquirida polo Estado para un uso cultural, polo que xa non hai escusas para continuar mantendo unha situación de incerteza sobre un dos edificios máis singulares do patrimonio de Combarro".
“Toda esta documentación obriga o Ministerio de Cultura a reabrir formalmente o expediente, revisar toda a información dispoñíbel nos seus arquivos e no Arquivo Xeral da Administración, investigar o procedemento de pagamento —que podería terse realizado a través da antiga Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra— e realizar todas as actuacións administrativas e xudiciais necesarias, incluída a intervención da Avogacía Xeral do Estado se for preciso, para restituír a titularidade pública do inmóbel” destaca Carme da Silva.
"A protección do patrimonio non pode depender da indefinición administrativa nin deixar espazo para apropiacións privadas dun ben que todo apunta a que pertence ao Estado" afirma Carme da Silva, quen considera que "o Goberno ten a responsabilidade de garantir a seguridade xurídica da Casa Barroca e preservar o seu carácter público".
Así mesmo, Carme da Silva, en nome do BNG, transmitiulle á asociación A Solaina “todo o noso recoñecemento e gratitude polo inmenso e rigoroso traballo que levaron a cabo para demostrar o carácter público da Casa Barroca de Combarro”