O deputado do BNG, Néstor Rego, considera que a reestruturación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña anunciada por Portos do Estado constitúe un paso positivo, mais insiste en que resulta claramente insuficiente para resolver o problema de fondo. A formación nacionalista reclama ao Goberno do Estado que dea o paso definitivo e proceda á condonación total dunha débeda que cualifica de inxusta e que foi xerada por unha decisión do propio Estado.
O deputado do BNG no Congreso reclama ao executivo abandonar as solucións parciais e asumir, dunha vez por todas, a responsabilidade que lle corresponde. "O acordo anunciado implica un pequeno alivio para a Autoridade Portuaria, mais non resolve o verdadeiro problema. O Porto da Coruña continúa atrapado nunha débeda que nunca debería ter asumido e que limita a súa capacidade de investimento e de desenvolvemento" afirma Rego.
O pasado 25 de xuño coñeceuse o acordo negociado entre Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña para reordenar o crédito que financiou a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira. A operación permitirá liberar aproximadamente 20 millóns de euros entre 2027 e 2030 ao reducir temporalmente as amortizacións do préstamo.
Para o BNG, porén, a medida apenas introduce flexibilidade no calendario de pagamentos ao tempo que mantén intacta unha débeda que segue condicionando o presente e o futuro do sistema portuario coruñés.
"O que se anuncia é unha flexibilización dos pagamentos, non a solución ao problema. O Estado segue sen asumir as consecuencias dunha decisión que foi exclusivamente súa e continúa trasladándolle esa carga económica á Autoridade Portuaria da Coruña", denuncia o deputado nacionalista.
"Foi o Estado quen decidiu construír o Porto Exterior e foi tamén quen impuxo un modelo de financiamento que acabou converténdose nunha auténtica hipoteca para o porto coruñés. O lóxico é que agora sexa o propio Estado quen elimine definitivamente esa débeda" sinala Rego.
A formación nacionalista lembra que esta é unha reivindicación histórica compartida por amplos sectores sociais, económicos e institucionais da cidade da Coruña e critica a falta de presión exercida tanto polo Goberno municipal como pola Xunta de Galiza para conseguir unha solución definitiva.
"O Porto da Coruña non pode seguir en inferioridade de condicións respecto doutros portos do Estado. Se houbo vontade política para condonar a débeda noutros casos, tamén debe existir para facer xustiza coa Coruña", afirma.
Neste sentido, o BNG lembra que xa existen precedentes de condonación de débeda noutras autoridades portuarias e considera que non hai ningunha razón que xustifique manter esta discriminación.
"Non chega con parches ou solucións provisionais. O que necesita o Porto da Coruña é pór fin a unha hipoteca que lle impide desenvolver todo o seu potencial e enfrentar con garantías os grandes proxectos estratéxicos para a cidade e para a Galiza" conclúe.