A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo unha reunión na Dirección Xeral de Medio Ambientes da Comisión Europea para abordar os incendios na Galiza, reunión á que asistiron o responsable de Agricultura da Executiva Nacional, Xosé Manuel Puga, e a deputada do Bloque no Parlamento de Galiza e experta en política forestal, Monserrat Valcárcel, ademais da alcaldesa da Rúa, María González Albert, o da Mezquita, Rafael Pérez, e o alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda; xunto a expertos en xestión forestal e medioambiental e representantes de bombeiros estatais e autonómicos.
As deputadas do BNG presentaron á Comisión Europea un Plan de Medidas contra os lumes con propostas como a modificación e adaptación do Plan Forestal da Galiza, da Lei de Montes, a aplicación da estrutura forestal en mosaico ou o apoio aos montes veciñais en man común, que espertou o interese da propia Dirección Xeral de Medio Ambiente.
Na súa resposta á delegación do BNG, a Comisión remarcou que a actual Lei de Restauración da Natureza xa aposta por “plans integrais, mesmo a nivel do manexo de terras, sobre a xestión de bosques máis resistentes ao cambio climático e con maior biodiversidade, demostradamente máis resistentes aos incendios”.
Ana Miranda denunciou ante altos cargos do executivo comunitario que o Goberno do PP de Rueda mentiu sobre as hectáreas queimadas durante a catastrófica vaga de lumes do 2025, cando os propios datos dos satélites europeos Copernicus cifraron a superficie destruída en máis de 200.000 hectáreas, case o dobre do recoñecido pola Xunta.
O propio Centro Europeo de Investigación Conxunta recoñeceu ao BNG nunha xunta que estes lumes serán cada vez máis frecuentes. Responsábeis de xestión dos datos do sistema satelital Copernicus anunciaron a Ana Miranda que traballan para rebaixar de oito a tres horas o seguimento dos focos e dos perímetros dos lumes, co obxectivo de mellorar as alertas.
Neste contexto, Galiza “non é unha excepción illada, senón unha advertencia importante para toda Europa sobre o que acontece cando coinciden a emerxencia climática e o abandono do territorio”, explicou a deputada do Parlamento de Galicia, Monserrat Valcarce, á Dirección Xeral de Medio Ambiente.
BNG fiscalizará os fondos europeos para prevención de lumes e restauración medioambiental
Os próximos orzamentos da Unión Europea para o período 2028-2034 destinarán case a metade dos recursos aos Plans Nacionais que cada país deberá enviar a Bruxelas, onde se incluirán as actuais partidas de cohesión, PAC ou pesca. Serán preto de 865.000 millóns de euros segundo a proposta da Comisión, que quedarán baixo o control dos Gobernos centrais.
BNG fiscalizará estes fondos, tanto en Bruxelas como na Galiza: “controlaremos de xeito exhaustivo a execución dos fondos europeos na prevención de lumes e para a restauración medioambiental”, advertiu Ana Miranda, “porque hai diñeiro suficiente para que Galiza poida ter plans de prevención ante os lumes e de recuperación despois de cada tempada de incendios. Por iso propoñemos que Europa incorpore nos seus fondos indicadores de financiamento sobre protección dos nosos montes e para a restauración do territorio queimado”.
Após da vaga de lumes de 2025, unha das maiores catástrofes vividas na Galiza, “a Xunta só restaurou 6.300 hectáreas queimadas”, incumprindo a Lei europea de Restauración da Natureza”, denunciou a deputada no Parlamento de Galiza, Montserrat Valcárcel.
Altos cargos da Comisión Europea advertiron que “hai que estar moi atentos” sobre o deseño que os Estados fagan dos novos plans orzamentarios para cohesión e a PAC, para que “reserven os medios axeitados cos que pór en marcha as políticas climáticas e medioambientais” que minimicen o impacto dos lumes.
Os alcaldes do BNG denunciaron o total desamparo e a falta de medios por parte do Goberno de Rueda a vaga de lumes e nas actuacións posteriores de restauración da terra queimada. A Comisión Europea recoñeceu a necesidade dunha maior coordinación entre administracións estatais, autonómicas e locais ante “un reto de civilización”. Isto esixe, subliña Ana Miranda, “incrementar a conciencia medioambiental a todos os níveis e políticas de ordenación do territorio galego e posta en valor dos nosos montes. As políticas do PP van na dirección contraria ao que necesita Galiza”.