BNG urxe á Consellería do Mar a intensificar as medidas contra a expansión da alga asiática: “Pode ser unha catástrofe”

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez advirte da preocupación da frota da ría de Arousa, que está perdendo de traballar porque sacan aparellos cheos desta especie invasora

Reclama estudos sobre os efectos que pode ter na  perda de produtividade das rías galegas e, nomeadamente, na importante diminución de bivalvos

A  portavoz de Pesca do BNG no Parlamento,  Rosana Pérez, esixiu á Consellería de Mar que, de maneira urxente e decidida, tome medidas para frear a expansión das especies invasoras na costa galega e, nomeadamente, da alga asiática, que segue a crecer malia que xa no 2024 foi detectada a súa presenza nas rías da Coruña e Vigo e tamén na boca da ría de Arousa.

“A Consellería non está a prestar a debida atención a un problema que se pode converter unha catástrofe polas consecuencias que a alga asiática ten sobre outras especies e, polo tanto, tamén sobre o sector do mar”, advertiu a deputada nacionalista que, neste punto, subliñou que este mesmo mes de xuño a frota da ría de Arousa volveu amosar a súa preocupación, “o seu medo” á expansión da alga, denunciando que “xa están perdendo de traballar por ter os aparellos cheos desta especie”.

A propia Asociación de Artes Menores (Anarme) anunciou que solicitaría unha reunión coa Xunta –da que nada se sabe– porque entenden, engadiu a deputada do BNG, que nin chega á frota información nin protocolos para evitar a propagación. Todo isto, engadiu, co precedente do que ocorreu nas costas de Cádiz no 2025, onde chegaron a recoller case 80 toneladas diarias de alga asiática no verán pasado.

“Os investigadores insisten en que o mellor remedio é a anticipación para tentar que non se reproduza aquí o que pasou noutras partes do Estado”, subliñou, para recriminarlle á  Consellería non ter actuado de maneira decidida cando o problema comezaba a ser unha ameaza porque, precisou, “agora xa estamos ver, cada vez en máis puntos da costa, como sigue medrando”. De feito, expuxo, o pasado mes de xuño areais de Sanxenxo apareceron cheos de alga asiática.

É por iso que a deputada nacionalista urxiu á Consellería a intensificar a loita contra esta alga e preguntou, na Comisión de Pesca do Parlamento, se ten previsto, entre outras cuestións, algunha medida económica para paliar as perdas que xa lles está a causar á frota a alga asiática, ou se se está analizar se a súa propagación está a influír na perda de produtividade das rías, concretamente, na diminución “importantísima“ de bivalvos. 

“Todo foi a peor” 

Rosana Pérez lembrou que O BNG xa en marzo de 2025 levou a debate na Cámara unha iniciativa, rexeitada polo PP, na que, entre outras cuestións, se pedían informes sobre o risco de expansión das especies invasoras e sobre os seus efectos sobre a biodiversidade, así como medidas urxentes para evitar a súa expansión ou actuacións orzamentarias para mitigar a reprodución e protexer os ecosistemas e ao sector pesqueiro e marisqueiro ante o seu avance.  

 “Desde entón todo foi a peor”, lamentou a deputada nacionalista, que acusou os responsables da Consellería de acusar un “problema de miopía” para ver o que ve a xente do mar e os propios investigadores. “Mentres desde a Xunta se dicía que non tiñan constancia da alga asiática (en marzo deste ano) os investigadores xa a estaban detectando nas Cíes, na Costa de Oleiros, en Cangas e na contorna da Illa de Toralla”, destacou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG