Ana Pontón reclama igualdade para as mulleres na ciencia, campo no que persisten “os teitos de cristal e os chans pegañentos”

Ana Pontón e Olalla Rodil con representantes da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas2
Ana Pontón e Olalla Rodil con representantes da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas2

Propón revitalizar a Unidade Muller e Ciencia para impulsar políticas que contribúan ao avance feminino no ámbito científico e da investigación

Pide á Xunta os resultados do Programa galego Muller e Ciencia 22-25 e que elabore o seguinte coas asociacións de investigadoras e tecnólogas  

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou seguir avanzando na promoción da igualdade das mulleres na ciencia, un ámbito no que, advertiu, “persisten os teitos de cristal e os chans pegañentos”, pese aos progresos logrados grazas á loita e as reivindicacións de moitas científicas.

Logo dunha reunión con representantes da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), Pontón puxo en valor a importante aportación das mulleres ao sistema científico galego, que están liderando proxectos e liñas de investigación de gran importancia para o futuro de Galiza e que exemplificou no traballo das investigadoras Mabel Loza, María Mayán ou María Giménez que ela mesma puido coñecer de primeira man.

“Non podemos perder todo o talento investigador que as mulleres teñen e, polo tanto, hai que traballar para fortalecer a súa presenza e loitar contra a discriminación e as desigualdades que se seguen producindo”, remarcou.

Se ben salientou os avances logrados ao longo dos últimos anos, a portavoz nacional tirou de datos oficiais para evidenciar as discriminacións que aínda se manteñen no ámbito científico e recordou que en Galiza hai menos mulleres dedicadas a persoal docente investigador nas universidades, unha fenda que se sitúa en 13,2 puntos porcentuais.

Ana Pontón e Olalla Rodil con representantes da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas1
Ana Pontón e Olalla Rodil con representantes da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas1

De igual xeito, recalcou que, por categorías profesionais, a presenza das mulleres é menor en todos os niveis agás no posto de docente axudante e que no caso catedráticas de universidade, as mulleres constitúen apenas o 28%, unha porcentaxe que diminúe até o 9,8% no caso das docentes eméritas, o que confirma que a desigualdade persiste no acceso aos postos académicos de maior prestixio.

“Por iso, desde o BNG temos moi claro que hai que seguir traballando na promoción da igualdade e no impulso dos liderados das mulleres tanto no ámbito social como no económico e, polo tanto, tamén no ámbito científico”, subliñou.  

Neste sentido, salientou a aprobación en 2021 no Parlamento da Lei Ángeles Alvariño impulsada polo Bloque, unha lei que tiña como obxectivo fundamental que as mulleres “non tiveran que escoller entre ser nais ou ser científicas”, pero que tamén desenvolve outras liñas de actuación que evitar o abandono feminino da carreira investigadora.

“Foi un gran paso adiante, pero non nos conformamos”, afirmou, para apostar a continuación por seguir visibilizando o papel das mulleres científicas e seguir promovendo a vocación científica e investigadora entre as mozas, para o que considerou fundamental que “teñan referentes”.

Pontón remarcou a necesidade de seguir impulsando medidas que dean estabilidade e condicións laborais e salariais dignas ao longo de toda a carreira investigadora, mais tamén a promocionar que a investigación incorpore a perspectiva de xénero, dado que moitas investigacións, por exemplo en materia de saúde, só utiliza o patrón masculino sen ter en conta as diferencias biolóxicas que afectan aos resultados de algo tan básico como os efectos secundarios de moitos medicamentos.

A líder nacionalista defendeu a necesidade de avaliar o grao de execución da Lei Ángeles Alvariño tras cinco anos da súa aprobación para analizar os seus resultados e a posible implantación de novas medidas para impulsar a igualdade no ámbito científico.

Nesta liña, recordou que a lei ten cuestións importantes que seguen pendentes de desenvolver, como a dotación de protocolos e medidas de cooperación interinstitucional para a detección precoz de casos de violencia machista ou a formación en perspectiva de xénero de todo o persoal que actúa no ámbito da investigación.

Ademais, e coincidindo coa AMIT, o BNG cre preciso promover máis instrumentos desde o Goberno galego no ámbito público á hora de apoiar a igualdade na ciencia, para o que Pontón propuxo impulsar a Unidade Muller e Ciencia, creada cando o Bloque tivo responsabilidades de goberno na Xunta, pero que “está en punto morto” cando debería ser un organismo “moito máis plural, dinámico e proativo”.

Por iso, apostou por “revitalizar” a Unidade, incorporando como membros de pleno dereito ás asociacións que representan as mulleres no ámbito científico, entidades como a propia AMIT ou Investigal, “para que participen directamente nas comisións de traballo”.

A portavoz nacional tamén reclamou á Xunta que dea a coñecer os resultados de execución do Programa galego Muller e Ciencia 2022-2025 remitindo un informe ao Parlamento e, por último, avogou por que se elabore o IV Programa Muller e Ciencia en diálogo e negociación con todas as asociacións e entidades do ámbito científico que representan ás mulleres investigadoras e tecnólogas.

Medidas, alegou, que pretenden que Galiza poida avanzar en igualdade na ciencia. “Grazas a todo o impulso das mulleres científicas téñense dado pasos adiante relevantes, pero tamén é certo que queda moito por facer e que este País non pode permitirse o luxo de perder nin unha soa muller científica porque é clave para o avance da nosa sociedade”, concluíu.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG