BNG exixe ao Goberno do Estado impulsar a conexión ferroviaria entre Galiza e Portugal

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego destaca que recentemente tanto o Ministro de Obras Públicas portugués como o Primeiro Ministro, Antonio Costa, requiriron un compromiso do Goberno español para completar a conexión entre Vigo e Valença-Tui acorde coa prioridade do propio goberno luso de completar a liña do eixo Atlántico entre a cidade do Porto e a Galiza.

O BNG subliña a necesidade de apostar por completar a conexión do eixo atlántico ferroviario entre Galiza e Portugal pois potenciaría o dinamismo económico e industrial

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas parar reclamar ao Goberno do Estado que impulse a modernización da conexión ferroviaria Vigo-Porto, asunto prioritario para o executivo portugués. Demanda que se leven a cabo as actuacións precisas para desenvolver o proxecto e potenciar o gran dinamismo económico e industrial entre Galiza e Portugal e reclama maior grao de compromiso do executivo central con este proxecto, polo menos, a mesma implicación que o goberno da república portuguesa.

As recentes declaracións do Primeiro Ministro de Portugal, António Costa, e as do ministro luso de Obras Públicas, Transportes e Comunicações mostran o interese da república portuguesa para impulsar e modernizar a conexión ferroviaria Vigo-Porto. Unha actuación que para a organización nacionalista é fundamental “para o impulso económico, social e comercial de Galiza e Portugal e da súa poboación, cun relevante dinamismo industrial que emana da actividade económica e industrial”.

Con todo, sofre un atraso por quedar relegada durante os anos de crise económica e antepoñer outros eixos como o Mediterráneo nas planificacións do Goberno. O BNG rexistra novas iniciativas para saber se a posición do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana vai mudar despois das declaracións do ministro luso do ramo. Este, demandou ao Goberno español que impulse as saída sur de Vigo ata a fronteira, dado que ese é o propósito do Executivo portugués coa parte da liña no seu territorio.

De feito, o ministro luso marcouse como obxectivo terminar a nova liña ferroviaria entre Lisboa e Porto en 2030, seguir polo aeroporto de  Sá Carneiro ata Braga e desde alí ata a fronteira con Galiza. “Queremos saber se o executivo español comparte o obxectivo do goberno portugués e se está disposto a realizar as accións necesarias para desenvolver as obras para fomentar unha conexión ferroviaria e potenciar o gran dinamismo económico e industrial entre Galiza e Portugal” destaca o deputado do BNG.

Así mesmo, a frente nacionalista demanda información sobre o estado en que se atopa a redacción do estudo informativo para determinar o trazado do saída sur de Vigo desde  Urzáiz. “Esta obra requiriría a necesaria coordinación e colaboración entre ambos gobernos para  compasar as actuacións de forma que a modernización do tren teña lugar en tempos similares en todo o corredor. Pola contra, podería producirse o absurdo de que circulasen trens desde Porto a elevada velocidade e tivesen que pararse na fronteira” subliña Rego.

“Portugal decidiu priorizar esta conexión. Queda por saber se o Executivo español fará o mesmo. Non existe, polo momento, compromiso do executivo central coa necesaria modernización dunha conexión ferroviaria incluída na Rede Transeuropea do Transporte, e o BNG seguirá a reclamala como prioridade” destaca o deputado do BNG. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG