O Bloque Nacionalista Galego denuncia a grave deterioración das condicións laborais na torre de control do aeroporto da Coruña-Albedro desde a súa privatización. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que se vén de reunir con representantes dos traballadores, rexistrou iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado medidas inmediatas para garantir a seguranza aérea e os dereitos do persoal controlador e avanzar cara á recuperación da xestión pública deste servizo.
No encontro -en que tamén participou a deputada Iria Taibo, o portavoz en Culleredo, Tono Chouciño e o concelleiro na Coruña, David Soto-, os representantes dos controladores alertaron dunha situación de degradación continuada do servizo, con recortes de persoal, sobrecarga de traballo e vulneración dos seus dereitos laborais, sen que AENA nin AESA teñan dado resposta ás reiteradas advertencias.
Segundo explica Néstor Rego, a empresa adxudicataria, Saerco, reduciu o cadro de persoal a respecto da licitación anterior, o que está a provocar fatiga acumulada, estrés e un aumento das baixas médicas. Isto, sen dúbida, pode ter unha incidencia negativa nas condicións en que é prestado o servizo e, por tanto, potencialmente na seguranza.
O deputado do BNG no Congreso advirte que “a privatización da torre de control de Albedro non mellorou a calidade do servizo, senón que introduciu precariedade e riscos innecesarios nun ámbito tan sensíbel como o control do tráfico aéreo”.
Néstor Rego denuncia tamén cancelacións de vacacións, negación de permisos e modificacións unilaterais das quendas, prácticas incompatíbeis cos estándares de seguranza aérea. Neste sentido, exixe ao Goberno que intensifique a supervisión, obrigue á empresa a respectar os dereitos laborais, reforce o persoal e escoite directamente as e os controladores.
Finalmente, o deputado nacionalista reclama a revisión da privatización da torre de control de Albedro e a avaliación da recuperación da xestión pública como “a mellor garantía para asegurar un servizo seguro e condicións laborais dignas”.