O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas de urxencia para reclamar a intervención inmediata do Goberno do Estado ante o ERE anunciado por Telefónica. A organización nacionalista sinala que se trata dun Expediente de Regulación de Emprego “absolutamente inxustificado”, con 10% do capital en mans da SEPI e que continúa a presentar lucros millonarios: “só en 2024 declarou un lucro neto de 2304 millóns de euros”.
Néstor Rego subliña que “non se pode permitir que unha compañía con resultados favorábeis destrúa emprego estábel para proceder a procesos de externalización e precarización co único obxectivo de incrementar a súa marxe de lucro”.
Segundo lembra o deputado do BNG, coa Reforma Laboral de 2012 -que quedou case intacta coa reforma feita por PSOE e UP- facilítase este tipo de despedimentos colectivos. “Eliminar a autorización previa da autoridade laboral e permitir xustificacións mínimas para aplicar un ERE permite que empresas, mesmo con lucros millonarios, poidan facer un ERE” critica Rego.
“Telefónica conta, na Galiza, cun cadro de persoal de 500 persoas das que 150 poderían perder o seu posto de traballo o que suporía un impacto gravísimo para o emprego e para a calidade do servizo” alerta Rego, mentres sinala que no conxunto do Estado os postos que a compañía prevé eliminar son 6088.
Frear e impedir o ERE de Telefónica: deberes para o Goberno do Estado
Ante esta situación, a organización nacionalista require ao executivo unha valoración “pública e transparente” sobre o ERE e recoñecer que a proposta feita por Telefónica “está inxustificada” dada a situación económica da empresa: “só en 2024 declarou un lucro neto de 2.304 millóns de euros” recorda o deputado nacionalista.
“O Goberno debe empregar a súa posición como accionista, a través da SEPI, para garantir a defensa do emprego e intervir como autoridade laboral no proceso co obxectivo de bloquear a proposta de ERE” afirma o deputado nacionalista, sinalando a necesidade de que se abra un diálogo coa representación sindical das traballadoras e traballadores para escoitar as súas reivindicacións e mediar activamente para impedir a destrución dos máis de 6000 postos de traballo.
Por último, o deputado do BNG reclama ao Goberno, máis unha vez, proceder á derrogación total da reforma laboral de 2012 e “recuperar a autorización previa da autoridade laboral nos despedimentos colectivos para evitar que as empresas poidan aplicalos de maneira unilateral”.