O Bloque Nacionalista Galego púxose en contacto co Goberno do Estado para esixir que se garanta a protección de todas as persoas que integran a Flotilla que está a ser interceptada por barcos do Estado xenocida de Israel en augas internacionais. A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que esta actuación supón unha vulneración do Dereito Internacional e exixe -tanto ao Goberno do Estado como á Comunidade Internacional- a actuar para permitir a entrada da axuda humanitaria a Gaza como para frear o xenocidio e a limpeza étnica que está a cometer o Estado sionista de Israel contra o pobo palestino.
Despois de coñecerse as primeiras abordaxes, por parte da armada do Estado xenocida de Israel, a barcos que formaban parte da Flotilla, o BNG púxose en contacto co Goberno do Estado para que actúe e garanta a seguridade de toda a tripulación da Flotilla. De entre os cincocentos activistas e xornalistas de diferentes países repartidos nos máis de corenta barcos -lembra a senadora do BNG- atópanse galegos como a activista Sandra Garrido e o patrón do veleiro Manu López.
“O Goberno do Estado ten o deber e a obrigación de garantir que todas e cada unha das persoas que forman parte da Flotilla estean seguras. Do mesmo xeito, o Estado e a Comunidade Internacional deben garantir que o pobo palestino poida recibir toda a axuda humanitaria enviada, tanto por terra como por mar” sinala a senadora nacionalista.
Para a organización nacionalista, ademais do xenocidio e a limpeza étnica, o Estado xenocida de Israel está a vulnerar todos e cada un dos tratados do Dereito Internacional: “aborda barcos de activistas pacíficos en augas internacionais, evita a entrada de axuda humanitaria, asasina a xornalistas, mata de fame…”.
“A Comunidade Internacional debe actuar para frear o que está a ser unha auténtica barbarie. De non actuar: debaixo dos cascallos das vivendas destruídas en Palestina estarán as ruínas da ONU; cos cadáveres de milleiros de persoas asasinadas impunemente polo Estado xenocida de Israel estarán soterrados os Dereitos Humanos; e baixo os bombardeos e ataques perpetrados polo Estado sionista de Israel xacerá o Dereito Internacional” advirte Carme da Silva.