BNG exíselle a Rueda que escoite o clamor social e se poña a traballar para derrogar todas as barreiras en contra do galego

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil acusa os populares de levar dous anos torpedeando o acordo sobre a lingua: “É o PP o que ten que explicar por que se nega a cumprir o PXNL”

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, pediulle a Rueda que escoite o clamor social que se escoitou onte nas rúas de Santiago en favor do galego e “se poña a traballar para derrogar todas as barreiras legais que impiden aprender e usar a lingua propia de Galiza”, a comezar polo “decretazo” do plurilingüísmo.

Rodil  acusou os populares de levar dous anos “torpedeando” un acordo pola lingua e recordou que  o conselleiro de Cultura xa asegurou en outubro de 2024 que estaría listo en 15 meses. Ademais, agregou, os grupos de traballo creados pola Xunta para revisar o Plan Xeral de Normalización Lingüística hai meses que xa remataron os seus traballos. 

“Onde están as conclusións?. Por que a Xunta non as fai públicas?”, preguntouse, para considerar a continuación que se cadra ao PP “non lle gusta o que din esas conclusións e non quere aplicalas”. “O PP terá que explicar agora por que se nega a cumprir o que en 2004 votou a favor”, dixo en relación ao Plan Xeral de Normalización. 

Segundo Rodil, “hai un consenso na rúa, na Academia, no Consello da Cultura, entre todas as institucións, entidades e organizacións educativas e lingüísticas deste País para reverter o devalo do galego”, subliñou.

Foi o PP quen rompeu o consenso lingüístico

Ademais da derrogación do “decreto da vergoña”, entre as medidas que reclama o BNG está o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade en 2004 con “enorme esforzo e xenerosidade” de todas as forzas políticas. 

Recalcou que “foi o Partido Popular quen rompeu o consenso lingüístico que se teceu e coseu neste País”,  despois de que Rueda se puxese á cabeza daquela “indigna” manifestación en contra do galego. Na actualidade, denunciou, o PP segue a facer políticas contra o galego, como a de eliminar no Concello de Lugo a área de Promoción da Lingua, unha das primeiras medidas adoptadas tras a “indecente” moción de censura.

“Foi Rueda quen iniciou o ataque máis brutal contra os dereitos lingüísticos deste País, impoñendo o “decretazo” que prohibe impartir materias científico-tecnolóxicas en galego, negándolles o dereito ás nenas e nenos a ser educados na lingua propia de Galiza nas primeiras etapas educativas”, recriminou. 

Lembrou, neste punto, o “demoledor” informe do IGE que evidencia a perda de uso, especialmente entre as franxas de idade máis novas, e o avance do monolingüísmo en castelán. Por iso, o BNG insiste tamén na necesidade de actualizar a Lei de Normalización Lingüística, así como de triplicar o orzamento en materia de normalización.  

“Estas cousas non acontecen por ciencia infusa”, afirmou, senón que é consecuencia de “17 anos de políticas contra o galego promovidas polo PP, atacando a lingua que nos fai ser o que somos, o que máis nos identifica como galegas”.

Porén, Rodil considerou que “aínda podemos darlle a volta á perda de falantes”, tal e como reclama a sociedade galega “por amplísima maioría”. “Onde está a Xunta de Galiza é a pregunta que se facían moitas persoas onte. Onde está o Goberno deste País que ten a obriga legal de promover a lingua propia de Galiza e de aplicar e aprobar políticas a favor da lingua galega?”, expuxo.

Como exemplo, puxo en valor o traballo do Deportivo da Coruña, que vén de propoñer o uso do topónimo legalmente establecido, á hora de recoller un clamor social a favor da lingua galega e dos dereitos lingüísticos. Lamentou porén, as dificultades coas que se atopa a cidadanía para dirixirse a certas institucións do ámbito sanitario ou da xustiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG