BNG esíxelle ao Sergas a convocatoria dun novo concurso de ambulancias na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés para garantir a calidade asistencial

Montse Prado
Montse Prado

Prado emprazou ao Goberno do PP a “non volver cometer os mesmos erros da anterior adxudicación, claramente á baixa e que as consecuencias están á vista, tanto para a poboación que ten que ser atendida como para o persoal”

A portavoz de Sanidade argumentou que ten que ser a “calidade na prestación do servizo, con persoal, vehículos e recursos suficientes” o criterio para a nova adxudicación “e non a oferta económica”

O BNG obtivo o compromiso do Sergas hoxe no Parlamento para convocar un novo concurso de ambulancias na área sanitaria Pontevedra-O Salnés, cuxo deficiente servizo incrementa a xa de por si mala situación da sanidade pública nesta zona.

“As ambulancias son insuficientes, incumpren o establecido nos pregos, están en malas condicións e hai déficit no cadro de persoal”, criticou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, aludindo ás recentes protestas do persoal de Ambulancias Civera, titular actual da concesión, que este xaneiro concentráronse no Hospital Montecelo para denunciar esta precaria situación, “deficitaria e con recursos insuficientes para a carga de traballo existente”, recalcou.

Esta situación, argumentou a deputada do BNG, repercutiu “nas condicións laborais, e na calidade asistencial xa que se producen demoras de horas para realizar traslados ou a falta de dispositivos para atender a demanda, aínda que esta sexa urxente”, o que pon a día de hoxe  en perigo a vida e saúde da cidadanía da área sanitaria de Pontevedra – O Salnés. Estes problemas na operatividade derivan, recriminou, en casos “de doentes de diálises, que ven atrasado o traslado ao hospital para o seu tratamento, que agardan horas, e traslados a domicilios ou tratamentos de persoas ingresadas”. Eivas ás que se lle suman vehículos envellecidos, insuficientes, a non homologación dos uniformes e o incumprimento da lei de prevención de riscos, advertiu.

Máis axilidade para enmendar unha situación de colapso

Esta convocatoria xa foi dende o comezo “deficitaria”, detallou Prado, cunha prórroga “cun incremento moi inferior a outras áreas, como pode ser Santiago ou Ferrol, que viron incrementadas as partidas proporcionalmente moito máis”. Ademais, no contrato constaba “un número de vehículos inferior ao que na práctica viñan prestando, 7 menos dos que dispoñía a anterior adxudicataria e escaseza de persoal, xa que non cobren ás e os profesionais de baixa por enfermidade ou vacacións”, denunciou.

Fronte esta situación de falta de atención e colapso, o BNG obtivera o compromiso dos Populares na Cámara para axilizar a resolución desta concesión deficitaria na atención, mais “como é habitual, non foi cumprido o acordo por parte da Xunta”, denunciou a portavoz de Sanidade. Co novo compromiso obtido hoxe Prado emprazou ao Goberno do PP a resolvelo, desta vez, con “axilidade” e a “non volver cometer os mesmos erros da anterior adxudicación, claramente á baixa e que as consecuencias están á vista, tanto para a poboación que ten que ser atendida como para o persoal”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG