O deputado do BNG, Paulo Ríos, criticou a falta desleixo do Goberno da Xunta ante os atrasos inxustificados das obras de mellora e saneamento no río Lameira, no Concello de Marín, que se anunciou a finais de 2022, que tiña que tiña que estar rematada en 12 meses e que “se vai ir a catro anos”. “Vemos unha Xunta totalmente ausente, un desleixo total por esta obra”, recalcou.
Ríos comezou precisamente a súa intervención na Comisión 2ª recriminándolle ao PP que tería que facer moita memoria para lembrarse dunha obra feita dun xeito tan “lamentable e chapucheiro”. “Vostedes tomaron en serio nalgún momento esta obra?”, preguntou.
Manifestou tamén o seu desexo de debater o problema destas obras co deputado de Marín no Parlamento, pero “debe estar ocupado noutros mesteres”, ironizou, tendo que facelo coa deputada e concelleira no Concello de Cangas, María Dolores Hermelo. A ela achacoulle que “pretenda que sexa o BNG o que lle amañe un proxecto que vostedes non foron quen de executar en tempo e forma” . “Dimitan”, dixo dirixíndose tanto á alcaldesa de Marín como o Goberno galego.
O deputado do Morrazo advertiu os problemas que ten que soportar a veciñanza de Marín derivadas destas obras inacabadas “non son de recibo”, mentres a administración continúa inmóbil, con “escusas” e botando “balóns fóra”.
“Ratas que xa parecen cans”, aparecen nas conexións totalmente abertas e entran nas casas, describiu Ríos mentres amosaba algunhas fotografías da “chapuza” que, sinalou, “só serve para que a conselleira saque fotos”. Cómpre lembrar que Ángeles Vázquez visitou en 2025 a zona comprometéndose a executar o peche das parcelas afectadas cando a climatoloxía o permitise, cuestión que segue sen facerse. “Para o PP, o problema de todo son as chuvias”, como sucede co marisqueo, indicou.
Tamén advertiu que os propietarios e propietarias das vivendas lindeiras tiveron que apuntalar os muros para que non caesen. Houbo moitas propiedades que estiveron totalmente abertas, o que provocou que entrasen a roubar en varias ocasións sen que ninguén se fixese cargo desta circunstancia, lamentou.
Demostroulle ao PP que existen varias denuncias ante a Xunta de Galiza amosándolle varios escritos con rexistros dirixidos a Augas de Galiza e mesmo á Valedoría do Pobo, ademais dun dossier que a veciñanza elaborou con “moitísimas” cuestións a tratar nesta obra, para evidenciar a “verdadeira desfeita e chapuza que está supoñendo a xestión da Xunta”.
“O único que recibiu a veciñanza como resposta foron escusas e botar balóns fóra, ademais de practicamente botarlle a culpa a ela da situación na que se atopaba o muro”, cando podemos ver “a todas luces” como a propia acción desta obra ocasionou todo o que estamos vendo”, afirmou.
É responsabilidade da Xunta de Galiza que se comprometa realmente a solucionar os problemas desta obra e que se axilicen ao máximo posible porque unha obra de un ano non pode ser sufrimento de catro anos para a veciñanza de Marín”, rematou.
O PP votou en contra da iniciativa.