O voceiro de Medio Ambiente do BNG no Parlamento, Luís Bará, reclamoulle ao PP na Xunta que acate a sentencia do TSXG no que ten que ver coa protección da serra do Careón e que, en consecuencia, faga un informe negativo da declaración ambiental integrada de Altri para, deste xeito, dar “carpetazo definitivo” á implantación en Palas da macrocelulosa contaminante.
“Altri non renunciou a seguir tramitando o proxecto e o que fixo foi anunciar alegacións a unha decisión da Xunta (o arquivo) que aínda non vimos en papel; polo tanto, o proxecto segue vivo”, advertiu o deputado nacionalista, que defendeu no Pleno unha moción para demandarlle o Goberno de Rueda, entre outras cuestións, que aplique a sentenza do TSXG que obriga a incluír na Estratexia da Infraestrutura Verde os terreos da zona de amortecemento situada ao sudeste da serra do Careón.
Uns terreos que, denunciou, foron excluídos da zona de protección para favorecer á pasteira lusa xa que, doutro xeito, “sería inviable” a declaración de impacto ambiental favorable á macrocelulosa aprobada en marzo de 2025, alegou. Tendo en conta o que ditou o alto tribunal galego, Bará emprazou o PP a revisar esa declaración e a facer un informe negativo da avaliación integral integrada, que a Xunta aínda ten pendente.
O deputado nacionalista aproveitou a defensa da moción para denunciar máis unha vez as “graves irregularidades” cometidas durante a tramitación do proxecto da megacelulosa contaminante e que son, dixo, responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “as avala e as defende”.
“Vostedes pretenden pasar por riba do Parlamento e por riba da lei, pero non llo imos permitir”, subliñou o deputado nacionalista, lembrando que o TSXG xa admitiu a trámite a denuncia do BNG pola negativa do PP a facer pública a documentación que o grupo nacionalista reclama desde hai dous anos, como é o acordo secreto asinado entre a Xunta —a través da Sociedade Impulsa— e Altri en outubro de 2021.
Precisamente, o PP volveu votar neste Pleno en contra de facer pública esa documentación, un dos puntos que recollía a moción do Bloque, na que tamén se instaba á Xunta a remitir ao Parlamento os informes técnicos que xustificarían a supresión da Estratexia Galega de Infraestrutura Verde da zona de amortecemento ao sudeste da serra do Careón.
“A realidade é que non hai ningún informe técnico, senón que foi unha decisión política para favorecer os intereses de Altri fronte ao interese xeral do País”, denunciou o deputado nacionalista dirixíndose ás bancadas do PP, ás que se referiu como “o cabalo de Troia do capital internacional”. “A vostedes puxéronos aí para cambiar leis, facer outras a medida e defender axudas millonarias que se conceden a dedo” para favorecer intereses de empresas depredadoras como Altri que, advertiu, prexudican a centos de proxectos de pequenas e medianas empresas e cooperativas galegas.
Bará fixo repaso das últimas decisións do TSXG contra a xestión da Xunta, como a relativa ao encoro das Conchas na comarca da Limia ou o rexeitamento ao recurso para levantar a suspensión cautelar da caza do lobo, tal e como pretendía a Consellería de Medio Ambiente, á que tamén reprobou por ter feito un informe favorable á implantación dun parque eólico en Pena Trevinca.
“Queda claro que vostedes están dispostos a chegar onde faga falta para lamberlle as botas o gran capital das empresas extractivas, para vender Galiza a prezo de saldo”, destacou Bará, que concluíu advertindo que o BNG sempre estará ao lado do “pobo vivo” que, “desde A Ulloa, Arousa, Trevinca, A Limia, desde Ortegal ao Miño”, lle está a plantar cara un PP que é “letal” para o País e cuxas siglas son, en realidade, as de “Perigo Público”, ironizou.